Álvaro Negro, na Galería Vilaseco
A Galería Vilaseco ofrece a mostra “Traza” de Álvaro Negro ( Lalin, 1973), un artista cunha exitosa carreira, en cuxa evolución tivo un papel fundamental Lucio Muñoz, ao que coñeceu nun taller impartido no Centro de Arte Contemporáneo Unión Fenosa e co que colaborou no mural “ La ciudad inacabada” ( 1998), no hemiciclo da Asamblea de Madrid, tamén foi fundamental o paso, como becario, pola Real Academia de España en Roma, onde se nutríu da observación demorada da pintura ao fresco e estudou o Renacemento e o Barroco. Nesta obra “Traza”, que agora presenta, hai, quizais, ese sentimento de muro no que o tempo foi superpoñendo capas ou borrando outras e abrindo fírgoas ou goteando pegadas.
O uso preferente de tons escuros e apagados, a miúdo achegados ao tenebrismo, transmite a sensación dun silenzo abisal, pero que, ao mesmo tempo, tremoa de forzas durmidas, de ecos apagados e de atrapadas lembranzas que xa non poden ser ditas; noutras palabras, falan de ausencias, de perda, do que queda definitivamente extraviado no pasado ou agochado nos cadaleitos do recordo.
A dicotomía presenza-ausencia é o eixo fundamental da creación de Álvaro Negro e o claroscuro levado ata os límites a millor maneira de expresala; pois, dende este sentimento da irreversible desaparición, a imaxe ou as imaxes non engadirían nada; o abraio experimentado só pode ter a forma da negra sombra, esa que asombra, como tan ben cantara Rosalía de Castro.
Parecería un paradoxo que unha arte do visual, como é a pintura, tivese que acudir a eliminar as formas, para poder expresar o invisible, eso que vai alén das palabras. Está tamén o sentimento do absoluto e de se saber viaxeiro dun misterioso universo configurado na súa maior parte por materia e enerxía negra. Perplexo, como todos nós, diante do enorme enigma da existencia, dí que “...só aspira a engadir algunha capa de significado perseguindo as pegadas do pasado...”
Nesas pegadas está a lembranza do seu lugar de nacemento, as vivencias da infancia, que agora percorre as apalpadas pola superficie dos lenzos, convertidos no táctil remedo da propia pel. Nalgúns dos cadros hai unha tensión telúrica, unha chamada ou latexo de terrosas leiras con relevos táctiles que falan de encarnaduras ou desa epiderme eternamente metamorfoseada da nai terra. Son, efectivamente, como trazas ou cálidos trazos da corteza terrestre, con ásperos e retortos saíntes que parecen querer transmittir as tremendas tensións internas á que está sometida. Un dos cadros máis impactantes é o seu Autorretrato, que deixa adiviñar apenas un perfil humano entre tonalidades terra sombra, por medio das cales remite ao tenebrismo do barroco, co que se sinte tan afín, e no que se pode sentir o influxo do seu admirado Rembrandt; o cadro leva un marco da Toscana do século XVII, que é outra maneira de establece un diálogo entre esa época que admira e a súa propia estética, un xeito de entrecruzamento ontolóxico.
