Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Os investigadores anuncian que estamos nun dos períodos máis cálidos do planeta dende hai cento vinte mil anos. Os estudos realizados, a partir da análise do xeo a moitos metros de profundidade, achegan datos que informan de como poido ser o clima terrestre hai miles de anos. De como era, como cambiou e como segue o proceso de cambio, alertando á humanidade, ameazando aos costumes e obrigando á ciencia a seguir estudando e pescudando, para dar respostas certeiras, para saber algo máis do que se sabe.

A Terra ten un ritmo acelerado  de quecemento debido a causas non naturais e, na opinión dos científicos, o ciclo climático natural podería levarnos, pouco a pouco, cara a un clima semellante ao daquela época na que o nivel do mar experimentou unha considerable subida.

O clima ten unha incidencia determinante no desenvolvemento da sociedade, nas formas de vida, nos hábitos alimentarios, na economía e na produtividade da terra, do mar e do aire. Incide na produción industrial de calquera xénero, no transporte e nas mercadorías a transportar. Si, o clima axuda á vida das persoas, dos animais, das plantas e da vexetación toda. Quen puidera orientalo?

A Axencia Estatal de Meteoroloxía creada, en 2008, para substituír ao Instituto Nacional de Meteoroloxía e encargada de prestar servizos meteorolóxicos, na actualidade reforza as súas actividades nos distintos eidos da investigación, na procura de estudos e ferramentas que axuden a tomar decisións. Entre estas ferramentas, quizais, unha das importantes sexa a información, que debe ser veraz e estar baseada en fontes limpas e transparentes, formadas e experimentadas, con vocación inequívoca de servizo público.

A loita contra o cambio climático parece máis necesaria que nunca. A primeira conferencia Mundial sobre o Clima celebrouse en 1979 e, daquela, identificouse o cambio que se estaba producindo como un problema global que requiría solución urxente. Despois celebráronse varias conferencias internacionais, nas que líderes, altos funcionarios e científicos buscaban vías para adaptarse a un clima cambiante.

En 1988 fíxose un chamamento para protexer a atmosfera e, en 1990, o Grupo Intergobernamental sobre o Cambio Climático (entidade creada polas Nacións Unidas para proporcionar información científica obxectiva e neutral) publicou o seu informe de Avaliación sobre o estado do clima global, despois veu a reunión de Río de Janeiro (1992) e, xa decontado, en 1995, outro informe de Avaliación, para chegar ao Protocolo de Kioto, en 1997, saltar ao Acordo de París e agardar en posición de espera, como hoxe hai que seguir agardando.

Pero a calor, a pesar de todo isto, segue o seu ritmo, ata o punto de que, segundo un artigo publicado por The Washington Post, nalgúns días deste mes de xullo, a temperatura media global superou os 17 graos. Asfixia total!