Ayaso, na Sala do Palacio Municipal
A Sala de Exposicións do Palacio Municipal acolle a mostra “Ayaso. Testemuña do invisible”, de Manuel Ayaso Dios ( Aguiño-Ribeira, 1934), que en 1947 emigra aos Estados Unidos, onde se licenciará en Belas Artes, iniciando unha exitosa carreira, pola que ten recibido máis de 20 premios internacionais A través de 80 pezas; podemos seguir a súa creación dende 1942 ( cando só tiña oito anos) ata a actualidade. Afirmamos, sen ambaxes, que estamos diante dun pintor que merece o calificativo de xenio, tanto pola riqueza e profundidade que alimenta o seu imaxinario como pola súa excepcional maneira de expresalo. A súa- como dí Alfonso Costa no estudo que lle dedica- é a ollada dun visionario, un ser capaz de afondar nos arcanos e misterios da vida e da condición humana e de mostralos con metáforas visuais de enorme riqueza polisémica e por medio dun expresionismo sui generis que ten moitos nexos en común co esperpento de Valle Inclán e coas pinturas negras de Goya, pero que tamén, pola presencia da morte e a idea da fugacidade da vida, pode parangonarse co tenebrismo do Barroco en especial con Valdés Leal. Asombra que con oito anos puidese pintar obras como “Nocturnal Apparition” ou “O estudio do monxe” no que a morte e as forzas escuras do outro lado enfróntansen con imaxes do cristianismo. O seu arrepiante espello deformador trata de reflectir dodo aquilo que hai de abraiante, de estraño e de absurdo na existencia ou sulágase nos pesadelos do subconscente e do mundo onírico que só poden ser expresados por medio das hipérboles e da transfiguración e distorsión das formas. Tamén, para poder falar da peripecia na que participan todos os seres, para mostrar o que hai en nos de animal ou viceversa ten que acudir aos mitos ou botar man da hibridación, como ocurre en” Quimera”, “Maleficio”, “Home paxaro”, “ Extraña aparición” ou “Trashumantes”. . A súa obra da fe de que sinte ata o fondo dos miolos o drama existencial , esa tremenda “Travesía” que nos empurra por chairas sanguiñentas, como no cadro do mesmo título, ou por baleiras estepas, como na obra “O deserto”. Con fondura metafísica consegue mostrar a dramática epopea humana, que as veces pode aparecer con aspectos choqueiros, tan de noso, e, outras veces, pode vestirse cos adubíos do teatro, como en “Titiriteiro” e “Actores” ou cos dos do circo e dos monicreques, como en “Circense” e “Fío”. Situado nos lindeiros do ser, sabe que o verdadeiro significado está oculto detrás da aparencia, así que a súa tarefa de creador é abrir esa casa íntima, en cuxo nocelo está a Galicia da infancia e as alucinacións experimentadas durante a enfermidade pulmonar que padeceu e, aguilloado pola súa potente imaxinación que conecta coas forzas da terra e do cosmos, a súa pintura mostra o desconcerto, plantexa preguntas ontolóxicas i enfronta ao “Neno de Aguiño” que foi coa enfondura dos soños e o tecido máxico da materia e da vida, que recolle, en linguaxe achegada a abstracción informalista no cadro “Metamorfose” de 2022.
