Centenario de Tomás Barros
Neste ano cúmplese o centenario do nacemento de Tomás Barros, unha figura fundamental da arte galega, que naceu en Tolelo en 1922, de pais galegos oriundos da Coruña, onde finou en 1986. Ainda que coñecido sobre todo como pintor, foi persoa de múltiples saberes e, ademáis da súa profesión de profesor, cultivou moitos aspectos da creación e do pensamento: poesía, teatro, música, ensaios de arte, filosofía, astronomía, literatura... O seu legado de obra plástica que deixou é extraordinario, pois bebeu das fontes renovadoras da arte do século xx, especialmente do expresionismo, do fauvismo, do cubismo e do constructivismo. No eido das súa reflexión encol da arte son fundamentais os libros “Procesos abstractivos del arte contemporáneo” (publicado por O castro, en 1965) e “Ritmo e abstracción”, que tamén publicou o Castro, póstumamente, en 2001.
Toda a súa obra caraterízase pola inquedanza metafísica, polo desacougo diante do misterio da existencia e do dramán humán, que expresou en libros de enorme fondura lírica, como “Vieiro de señardade”, “ Berro diante da morte” ou “Abraio”, no que escribe versos estarrecedores: “ As miñas mans/ atoutiñan o confín da noite/ e buscan e buscan, arpexio tras arpexio/ o intervalo do ser.../ Por mais que ergo os ollos ata a altura/ só encontro unha negra enfondura...”. A esa enfondura deulle, nos cadros, unha forma persoal e novedosa, na que se fundían a vibrante cor dos fauves, cos trazos distorsionadores do expresionismo e os poliédricas composicións do cubismo. Emerxía, así, unha obra chea de patetismo que daba fe da dramática epopeia da humanidade, do seu esforzo eterno que protagonizaban grupos ritmados de seres humanos: “Segadores”, “Canteiros”, “Leñadores” , “Remeiros”... Impresionante é o seu retrato de “Diógenes” ( 1965), ao que pinta cunha anatomía poderosa e un rostro de longa barba e ollada desafiante, erguendo na man o seu candil co que vai na titánica percura dun home. Desa loita tremenda e titánica da fe tamén o seu “Don Quixote” que, no centro dun remuiño en aspa, ergue a súa espada en loita desaforada co mal. Durante case cuarenta anos, ata a súa morte, animou a vida cultural da nosa cidade; fundou a revista “Aturuxo” e, con Luz Pozo ( nacida tamén en 1922) a revista e editorial “Nordés” .
Nas décadas do setenta e oitenta, que foi cando tivemos o privilexio de contar coa súa amistade, foi na Coruña, con Luz Pozo, Garcés, Dieste, Seoane, entre outros, un faro que mantivo aceso o lume da arte e da galeguidade na que nos quentamos. É unha tremenda mágoa que non tivese, neste centenario do seu nacemento, por parte das institucións, os actos e exposicións que merecía; unha proba máis do incomprensible esquecemento que cae sobre algunhas das nosas grandes figuras. Pero el que, ademáis de talento, tivo unha ética estricta, unha enorme bondade, e unha grande comprensión da condición humana, deixonos coa sua obra un legado inmorrente, unha visión fonda e esperanzada que, sen dúbida, sobrevivirá.
