Fonte da memoria social
Fonte da memoria social, este pasado 9 de xuño, no marco da celebración do Día Internacional dos Arquivos, un evento mundial clave para estas institucións fundamentais; e, tamén para o correcto funcionamento da administración, salvagárdaa dos dereitos das e dos cidadáns e para a adecuada conservación do patrimonio histórico que organiza anualmente o Consello Internacional de Arquivos, asociación internacional constituída, setenta e cinco anos atrás, co fin de promover o desenvolvemento dos arquivos, gozando de carácter consultivo perante a UNESCO en materia de arquivística e patrimonio documental e que ten como obxectivo administrar de maneira eficaz os arquivos e a súa conservación, o trato e o uso do patrimonio de arquivos no mundo.
Ocasión pintada, este día e mesmo unha semana enteira, para que os arquivos participantes na promoción do fenómeno organizaran actividades relacionadas co tema proposto, visitas guiadas, conferencias e encontros, xornadas de portas abertas e outros eventos, de maneira que esta celebración serve, á súa vez, para potenciar as relacións coa xene e destacar a importancia do rol dos arquivos como institucións ao servizo da sociedade e do seu desenvolvemento. Desde a súa fundación o 9 de xuño de 1948, esta organización dedicou os seus esforzos para promover a xestión e os usos eficientes e eficaces dos documentos, arquivos e datos en todos os formatos e a súa preservación como patrimonio cultural e probatorio da humanidade, a través da cooperación internacional, mediante o intercambio de experiencias profesionais, investigacións e ideas sobre a xestión e organización dos arquivos e as institucións arquivísticas, e marcando esta data, como o elemento central no que facer balance e facer públicas as súas reivindicacións. Habelas, hainas.
Aquí, no ámbito galego, entre outras iniciativas que se multiplicaron por todo o país, compre salientar á do Arquivo de Galicia, que inaugurou nesta simbólica data a exposición “De comerciantes e banqueiros. Orixes da banca en Galicia “ coa que se achega ao fenómeno da actividade bancaria no espazo territorial de Galiza nunha época de profundas transformacións entre as que destaca o inicio do movemento emigratorio en grande escala a mediados do século dezanove. Para trazar a orixe da banca galega, a organización escolmou documentación que custodia procedente da intensa actividade da Real Sociedade Económica de Amigos do País, que destacou polo patrocinio da creación en 1878 da Caixa de Aforros e Monte da Piedade en Santiago. Sumando ademais os fitos ligados á entidade bancaria propiedade de Olimpio Pérez, xermolada a partir da etapa na que empezou a prestar cartos para as pasaxes daquelas persoas que cruzaban o Atlántico e despois servía de canal para enviar de volta as remesas de cartos. A través de 90 pezas, entre libros de rexistros, de préstamos, bonos, comunicacións, escrituras ou informes, a mostra achéganos ao papel fundamental para sentar as bases do sistema financeiro que hoxe coñecemos partindo do rol que tiveron os comerciantes convertidos en banqueiros. Memoria histórica custodiada nos arquivos.
