Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

As meixelas daquela persoa enteira supuraban, como supuran as grandes feridas da alma. Estaba desolada diante do que se ve vir e vén correndo, como se fose un guepardo, ese felino carnívoro que adianta ao tigre siberiano e, con moita diferencia, corre máis que o esquío das Carolinas. As meixelas daquela rapaza eran calexas de suor amarga, eran a expresión completa da impotencia total, da incapacidade que ten a intelixencia humana para frear os abusos e atropelos daqueles que non queren que rematen as guerras.

Cando se achegou a ela, un meniño da escola preguntoulle para que era a guerra. –Non sei!, dixo ela. Parece que será para retroceder, regresar ao inferno e apuntalar os negocios dos negociantes ricos, daqueles interesados nas desigualdades, nas diferencias, na miseria dos pobos. Daqueles que “queren vernos sometidos, submisos e obedientes”. As guerras teñen por finalidade matar e ganar.

Ela choraba. Recordaba o que lle contaba súa nai do avó, da guerra do trinta e seis, dos pesadelos e dos medos, dos tiros e dos mortos amoreados nas cunetas e das nais que quedaban cun par de fillos na barriga e sen pai. Acordábase da enorme miseria dos seus, dos familiares e amigos; acordábase daqueles que non tiñan terra nin lugar para enterrar aos mortos, dos humildes, de nós e da veciñanza.

Agora mira aos promotores das guerras que seguen e pensa que son lobos, cans bravos rabiosos e famentos. Abusóns profesionais e armados coas escopetas de alta precisión e coa intelixencia artificial integrada no visor, que lles proporciona éxito nos escuros negocios de matar.

Cincuenta e seis guerras están activas neste “mundo en guerra”, segundo o informe do Institute for Economics & Peace (IEP), coa participación de 92 países directamente involucrados e todos eles actuando en nome da paz, a pesar de que, como di o director executivo deste instituto, Michael Collins, “advírtese un deterioro da paz nesta década, sobre todo nos últimos cinco anos”.

Os expertos, estudosos e científicos teñen medo, consideran que hai conflitos silenciados que poden estalar e converterse en guerras imparables, desas que se pode saber cando comezan, pero non cando rematan. Aí está, a guerra mata, destrúe o patrimonio, aniquila a verdade, afoga o ser e as liberdades, moi especialmente e en primeiro lugar, a liberdade de expresión, para que o pobo cale e are, para que o futuro se demore e, cando chegue, se acaso que sexa negro. Como di a Tía Manuela, “non hai quen saiba a que se debe tanta imbecilidade, tanta ruindade e tanta morte”.