Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Bergantiños

Alberte Sánchez Regueiro | "Só podo fotografar con verdade aquilo co que teño un vínculo real"

Presenta o seu fotolibro 'Silencios' no auditorio de Cerceda o venres 21 de novembro

Alberte Sánchez Regueiro
Alberte Sánchez Regueiro
Úrsula Prego Regueiro
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
620_dans_relojeros_redideal_251215_cristina
0620_liceo_redideal_251121_tamara
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_fundacion_vs_251121_tamara
0620_matraz_redideal_251121_carlos
0620_obradoiro_redideal_251121_tamara
0620_resonac_redideal_251125_tamara

Alberte Sánchez Regueiro (Cerceda, 1973) é fotógrafo e deseñador gráfico e o próximo venres, 21 de novembro, presentará no auditorio de Cerceda (20.30 horas) o seu fotolibro 'Silencios'. Como el mesmo di, traballa "co territorio, co sentimento e coa pausa", investigando a capacidade da imaxe para tocar emocións e pensamentos sen necesidade de ruído. "O meu traballo baséase en escoitar antes de mirar, e en mirar antes de fotografar –explica–; busco que a fotografía volva ter o peso esencial que tivo ao principio, que sexa un acto de presenza e conciencia".

Como xurdiu a súa afición pola fotografía?

Desde moi novo vin que podía ler o mundo de xeito máis preciso cando o observaba en silencio. A fotografía permitiume comprender esa relación íntima entre o que vemos e o que sentimos. Cada vez que fotografío podo captar non só o espazo, senón a respiración interna que hai detrás das cousas. Con cada disparo, entendo que a imaxe non está para describir a realidade, está para descubrir as capas que hai por baixo. Eu non quero facer fotografía para mostrar escenarios, eu quero buscar sentido. A fotografía converteuse na miña forma de pensar, de poñer en orde o que sinto e de dialogar co paso do tempo.

E a idea de facer este fotolibro?

'Silencios' é un proxecto que nace sen présa. Foi medrando comigo durante os últimos anos. Cando revisei miles de fotografías feitas en épocas distintas, sitios distintos, países distintos, decateime de que, en moitas delas, había unha conexión interna. Era como se fosen fragmentos dunha mesma narrativa emocional, fragmentos dunha mesma mirada ao mundo e á vida. Decidín facer este fotolibro porque un libro permite contención, foco e intemperie ao mesmo tempo. O lector pode entrar, saír, volver, deter o tempo onde queira. Un libro protexe o sentido. E eu quero que esta historia visual quede ancorada nun obxecto físico que atravese emocións e que poida tocar as persoas cando o abran.

Que atopa o lector no interior?

Atopa 230 fotografías distribuídas ao longo de 240 páxinas. Atopa un espazo onde mirar con calma. Atopa respiración. Atopa un texto que pon o amor no centro como forza que constrúe e sostén a vida. O lector pode atopar historias pequenas, anónimas, íntimas, pero universais. Pódese recoñecer. Pódese ver dentro. Pódese sentir acompañado. 'Silencios' non está feito para consumir. Está feito para experimentar. O lector pode entrar con liberdade, interpretar sen instrucións e sentir sen pedir permiso.

De onde son as imaxes?

A maior parte das fotografías foron feitas en Cerceda, na comarca de Ordes, que é o lugar onde crecín e onde sigo vivindo como raíz. Hai ademais imaxes captadas en cidades europeas, en viaxes, en movementos vitais que me levaron a escenarios moi distintos. O interesante é que, malia ser xeografías diferentes, todas as fotografías comparten a mesma intención emocional: son lugares onde se pode escoitar a vida sen interferencias. E iso é o que unifica o libro: non o mapa físico, senón a mesma resonancia interna.

Por que elixiu estes lugares para facer as fotografías?

Eu só podo fotografar con verdade aquilo co que teño un vínculo real. O territorio condiciona, forma e define a sensibilidade da mirada. Estes lugares, dun xeito ou doutro, pertencen á miña vida, á miña memoria, á miña historia persoal. Non busco localizacións espectaculares ou artificiais. Quero estar nun sitio que me permita respirar sen ter que impostar nada. A fotografía nace dunha conexión honesta entre o lugar e a mirada.

Cal é a súa inspiración? Que o move a tomar esta e non outra fotografía?

O que me move é a percepción limpa dun instante. Hai un momento concreto no que o que estou vendo se alinea co que estou sentindo. Ese instante é exacto e non se repite. Se eu sinto verdade, humanidade ou unha capa de emoción clara, disparo. Se non, non fago a fotografía. Eu non busco encher tarxetas de memoria. Busco que cada fotografía teña función, necesidade e sentido. Non é unha decisión mental. É unha decisión visceral. Se a conexión non existe, a fotografía non nace.

Onde se pode mercar?

En librarías independentes de Galicia, con especial presenza na Coruña e en Santiago. Tamén estará dispoñible na miña web persoal, coa opción de envío, e durante as presentacións públicas do libro, onde tamén me gusta que o libro se encontre coa xente cara a cara.

Será o primeiro doutros?

Realmente 'Silencios' non é o meu primeiro libro, xa fai anos editoume un a Deputación da Coruña para o Concello de Vilasantar, no que o título, precisamente era 'Vilasantar ao teu carón'. Mais teño que dicir que 'Silencios' é un inicio. Abre unha liña de traballo que quero seguir expandindo ao longo dos próximos anos. Seguramente haxa máis silencios ou ruídos que virán despois, hai novas etapas vitais e novos territorios que se irán construíndo outras pezas deste mesmo corpo visual. O camiño continúa. Eu vou seguir mirando, vou seguir escoitando e vou seguir amando.

0620_mampaplus_redideal_251121_cristina
0620_mayores_redideal_251121_tamara
0620_opticalia_redideal_251121_veronica
0620_sergio_ruiz_redideal_251212_carlos
0620_talleres_hercules_redideal_251121_veronica
0620_tinytown_redideal_251121_veronica
0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_bico_redideal_251125_tamara
0620_buceo_galicia_redideal_251121_cristina
0620_casa_marabina_redideal_251121_carlos
0620_danza_10_redideal_251121_tamara
0620_hitos_redideal_251121_tamara