
Nos primeiros anos, os fondos europeos centraron os seus esforzos en reducir déficits estruturais: construción de estradas, mellora das redes eléctricas, abastecemento de auga e saneamento. Co tempo, Galicia foi dirixindo estes investimentos cara a ámbitos máis estratéxicos: a innovación, o emprego, a dixitalización, a igualdade, o medio ambiente e o benestar social.
Hoxe, os fondos europeos son a columna vertebral da modernización galega, canalizados a través de programas como o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e o Fondo de Transición Xusta (FTX).
O primeiro deles é o motor da Galicia innovadora, o que axuda ás pequenas e medianas empresas a desenvolver estratexias e produtos. No período 2021-2027, Galicia dispón de 1.576 millóns de euros, dos cales 940 proceden da UE.
Entre 2014 e 2020, investíronse máis de 430 millóns de euros en I+D+i, consolidando centros de investigación e tecnolóxicos de referencia. A Axencia Galega da Innovación foi un órgano xestor impulsor deste ámbito.
A contribución dos fondos Feder tamén foi clave para impulsar a cooperación entre pequenas empresas e centros de coñecemento a través de iniciativas como o programa Conecta Peme.
As universidades galegas tamén se beneficiaron da modernización: nove centros tecnolóxicos universitarios recibiron apoio do Feder por 28,7 millóns, reforzando o talento e a transferencia de coñecemento.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Sergas investiron máis de 206 millóns en actuacións TIC, desde a dixitalización da administración ata proxectos pioneiros como É-Saúde, Telea ou a app Sergas Móbil, que melloran o acceso da cidadanía á sanidade. Tamén se impulsou a protección do patrimonio cultural galego a través de Galiciana-Patrimonio Dixital, coa dixitalización de arquivos históricos, fotografías e publicacións da Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego ou a Crtvg.
O Instituto Galego de Promoción Económica canalizou máis de 325 millóns de euros en apoios a máis de 2.100 proxectos empresariais entre 2014 e 2020, centrados en emprendemento, internacionalización e innovación.
As actuacións no ámbito da transición enerxética con máis de 2.000 proxectos e 331 millóns de euros investidos en eficiencia e renovables. Máis de 100 edificios públicos melloraron o seu rendemento enerxético, reducindo emisións e custos.
En paralelo, financiáronse 468 proxectos de enerxía solar, 660 de biomasa e 730 de auditorías e melloras en pemes.
A mobilidade sostible tamén é protagonista: Galicia desenvolveu 54 proxectos por 85 millóns de euros.
Os Eixes 5 e 6 do Feder financiaron máis de 200 proxectos por 57 millóns en prevención de riscos e adaptación climática. Destaca a dotación de vehículos e equipos contra incendios forestais. En materia de auga e saneamento, investíronse máis de 100 millóns en mellorar a calidade das augas e a depuración nas rías galegas. Tamén se apoiaron proxectos de conservación do patrimonio natural.
Máis de 150 millóns de euros do Feder destináronse a reforzar o sistema sanitario galego. No período 21-27, entre os proxectos máis punteiros, destaca o Centro de Protonterapia de Galicia, pioneiro no tratamento de tumores, en construción en Santiago.
En educación, durante o período 2014-2020 investíronse máis de 60 millóns en máis de 50 centros, modernizando instalacións e creando novos espazos. Tamén se destinaron 4,9 millóns a 22 centros para actuacións de mellora e eficiencia enerxética.
No ámbito social, o Feder impulsa proxectos en escolas infantís, centros de inclusión social e atención a maiores e persoas con discapacidade. No período 21-27 ademais do anterior, o Instituto Galego de Vivenda e Solo promove a construción de vivendas de promoción pública.
O Fondo Social Europeo Plus (FSE+) é o principal instrumento da Unión Europea para investir nas persoas e promover o emprego, a inclusión social, a igualdade e a educación de calidade. En Galicia, o programa FSE+ 2021-2027 conta cun orzamento total de 738,4 millóns, dos cales 448,6 proceden da UE. Xa están en marcha un cento de operacións europeas coas que se beneficiaron preto de 100.000 persoas.
O FSE+ financia medidas para que máis galegos e galegas accedan a empregos de calidade, reducindo desigualdades e apoiando a conciliación.
A Consellería de Emprego concedeu 2.900 axudas por 11,6 millóns a persoas desempregadas que decidiron emprender como autónomas. Destaca o programa Xuventude Mentoring, que ofrece orientación, formación e acompañamento a mozos titulados. O 64% das persoas participantes atopan emprego tras o programa.
O programa Emega de fomento do emprendemento feminino da dirección xeral de Igualdade apoia a creación e consolidación de empresas lideradas por mulleres. No marco 2021-2027 xa se concederon 350 axudas por 4,5 millóns.
O fondo financia plans de igualdade en empresas e axudas por redución de xornada para coidar menores, así como programas de atención a mulleres vulnerables, vítimas de violencia ou en risco de exclusión.
O FSE+ é clave na loita contra a pobreza e a exclusión. Cada ano máis de 15.000 persoas en Galicia reciben apoio para mellorar a súa autonomía co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade.
Recoñecido nos premios #EuropaXunta 2024, o programa Mentor acompaña a mozos e mozas tutelados pola Xunta na súa transición á vida independente. Ofrece vivenda, manutención, formación e inserción laboral, con oito vivendas tuteladas.
A Dirección Xeral de Inclusión Social xestiona máis de 800 proxectos por 26 millóns dirixidos a persoas con discapacidade, inmigrantes, poboación xitana e familias en risco.
O programa de Apoio ás Persoas en Risco de Desafiuzamento ofrece asesoramento xurídico e económico, mediación coas entidades financeiras e acceso ao bono alugueiro social.
A Consellería de Emprego, desenvolve programas para mozos inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, con 30 proxectos e 12 millóns de euros investidos. Tamén se apoian bonos talento-empresa, que incentivan a contratación de persoas novas e a retención de talento.
O fondo financia accións de apoio ás persoas con discapacidade e reforza os servizos de valoración de dependencia. A Rede de Atención Temperá, con 40 concellos beneficiarios e 10 millóns investidos, garante atención especializada a nenos de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP desenvolve o Plan de Atención á Diversidade, financiado polo FSE+, promove unha escola adaptada ás necesidades de cada alumno. Entre 2021 e 2027, apoia 692 proxectos cun investimento de 45 millóns de euros.
Tamén destacan os programas de diversificación curricular, con 476 proxectos e 20 millóns, que permiten a alumnado con dificultades acadar o título da ESO a través de itinerarios adaptados e apoio individualizado.
A aposta pola FP é unha das liñas prioritarias do Fondo Social Europeo. No período 2014-2020 investíronse 100 millóns na creación de novos ciclos adaptados ás necesidades do mercado laboral.
A Unión Europea puxo en marcha o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), eixo central do plan NextGenerationEU, para reconstruír a economía tras a pandemia e acelerar a transición verde e dixital. O Plan nacional de Recuperación e Resiliencia foi deseñado e planificado polo Goberno español. A xestión e execución desenvólvese polos distintos ministerios de ámbito estatal e pola Xunta e entidades locais.
En Galicia, este instrumento mobiliza 4.179 millóns, dos que 1.751 son xestionados pola Xunta, segundo os datos do Ministerio de Economía a 31 de agosto de 2025, e 2.428 millóns a través de plans e convocatorias do Estado. O período de execución dos fitos e metas esténdese ata o 31 de agosto de 2026, e Galicia avanza con paso firme no cumprimento dos obxectivos: máis cohesión social, emprego de calidade e neutralidade climática antes de 2050.
Os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) canalizan os fondos cara á innovación, a reindustrialización e a transición enerxética.
O MRR tamén ten unha dimensión social fundamental. No seu marco financiáronse a creación de cinco centros 24 horas de atención a vítimas de violencia sexual, modernizarónse os servizos sociais e os coidados de longa duración.

O programa Feder 2021-2027 na Coruña: da investigación e as pemes á transición verde
Mellora das Infraestruturas de investigación e innovación
Na provincia da Coruña no periodo 2014-20 apoiáronse un total de 256 operacións por importe de 121 millóns de euros, entre elas atopánse: a Fundación Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial, para fortalecer a especialización na economía circular e os procesos de biorrefinaría, en Culleredo; as axudas para a adquisición de equipamento para consolidar a investigación en bioeconomía e economía circular e de software para a provisión de servizos avanzados e diferenciais no sector dos vehículos aéreos non tripulados, UAVs, na Coruña; as axudas para desenvolver coñecementos de fronteira orientados a retos da sociedade e a tecnoloxías emerxentes; o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, da Universidade da Coruña; o Instituto Tecnolóxico de Galicia; a Unidade Mixta de investigación Fastfly 2035, no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC; a Unidade Mixta de Investigación Aurus: Automatic Intelligent Services for U-Space, da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia; a achega da Axencia Galega da Innovación a Navantia, en Ferrol, cun importe de 9,9 millóns.
Programas de apoio á innovación empresarial
Conecta Peme permitiu o desenvolvemento de preto de 400 proxectos colaborativos en toda Galicia, cun investimento global de 89,7 millóns de euros. Na provincia da Coruña, foron 164 os proxectos apoiados con preto de 37 millóns, destacando os concellos de máis proxectos: Ames (5), Arteixo (7), Bergondo (12), A Coruña (32), Narón (12), Oleiros (5), Santiago (39) e Touro (5).
Fortalecemento do sistema universitario galego
Nove centros tecnolóxicos universitarios recibiron apoio europeo cun investimento de 28,7 millóns. Na Universidade da Coruña foi promovido o Citic; na Universidade de Santiago os Centros de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, o de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, o de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes e o Instituto Galego de Física e Altas Tecnoloxías. Ademais financiáronse proxectos no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía, da Coruña e o Centro de Investigación iInterdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da USC. Sinalar tamén os apoios dos fondos europeos á Fundación Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).
Unha Europa máis intelixente
Están en marcha máis de 430 proxectos, cun investimento superior aos 83 millóns. Destacan: a creación en Bergondo dunha plataforma para os e as gandeiras que permita seleccionar as mellores estratexias de futuro e mitigar os impactos ambientais asociados á actividade; a transformación dixital de procesos de fabricación e comercialización de madeira técnica, en Santiago; o Centro de produción Audiovisual avanzada, Pedralonga Estudios, na Cidade das TIC da Coruña; a subvención para unha estación de gases industriais e medicinais en Cambre.
Preservar o patrimonio cultural a través da dixitalización
Os fondos Feder apoiaron o traballo da Real Academia Galega, que dixitalizou publicacións periódicas galegas do século XIX e principios do XX. Ademais asistiron á Fundación Barrié, coa dixitalización do arquivo fotográfico Moncho Sabin. A CRTVG, que desenvolveu un proxecto para salvagardar o patrimonio audiovisual analóxico, poñendo en valor imaxes históricas sobre a tradición xacobea. E o Museo do Pobo Galego, que dixitalizou o Fondo Ricardo Blanco-Cicerón, unha valiosa colección documental e fotográfica.
Mellorar a competitividade
das Pemes
Entre 2014-2020 apoiáronse máis de 2.100 actuacións por 325,7 millóns. Na provincia da Coruña destináronse máis de 84 millóns de euros a través de 735 proxectos, que foron xestionados polo Instituto Galego de Promoción Económica, dos que 74 foron para emprendementos.
Enerxías renovables e transición verde
Os Fondos Feder tamén apoiaron a mellora da eficiencia enerxética en varios edificios administrativos en Ferrol, A Coruña e Santiago. Estas actuacións tamén se levaron a cabo en centros educativos como o Instituto de Educación Secundaria (IES) Campo de San Alberto en Noia.
Transporte e infraestruturas
Na provincia da Coruña, un dos proxectos emblemáticos foi a construción da terminal de autobuses integrada na Estación Intermodal de Santiago cun importe de ao redor dos 14,5 millóns, na que agora se ubican nunha estación tanto o transporte de persoas viaxeiras en tren como en autobús.
Na Coruña destaca a pasarela peonil e ciclista no acceso á AC-552 na Grela-Marineda, salientable proxecto de mobilidade alternativa tendo en conta o punto onde se habilita.
Na zona de Ferrolterra, destacan os proxectos de sendas peonís e ciclistas en Narón e Valdoviño, tamén en Fene na AC-133, tramo O Ramo. En Mugardos, sendas na AC-130, no tramo Mugardos-Ares e na AC-133, tramo Franza-Rilo.En Cabanas fíxose o itinerario peonil e ciclista na AC-141, no tramo N-651 -Camiño Carballo Arriba.
En Bergantiños construíronse varias sendas ciclistas e peonís, como por exemplo: na AC-552, nos tramos Carballo-Coristanco, Bértoa-Carballo, Paiosaco-Laracha e Laracha- Cancelo.






















