Coristanco celebra as Letras Galegas en familia
Este domingo será a entrega de premios do XI Certame Artístico-Literario Asunción Antelo

O Concello de Coristanco celebrará este domingo, 17 de maio, o Día das Letras Galegas cunha programación pensada para emocionar, aprender e desfrutar en familia.
A partir das 12.00 horas terá lugar a entrega de premios do XI Certame Artístico-Literario Asunción Antelo, unha cita xa consolidada que busca fomentar a creatividade, a expresión artística e o amor pola lingua galega entre as novas xeracións. Durante o acto recoñecerase o esforzo, o talento e a participación das nenas, nenos e mozos e mozas participantes nun certame que mantén viva a palabra, a arte e o legado de Asunción Antelo Suárez, a Rexoubeira de Bergantiños.
A continuación, Trémola Teatro ofrecerá o seu contacontos ‘As letras que voan con nome de muller’. Unha experiencia dinámica, divertida e emocionante para todos os públicos que permitirá descubrir a obra de Begoña Caamaño e achegarse tamén ás mulleres protagonistas do Día das Letras Galegas ao longo da historia.
Desde o Concello animan a toda a veciñanza a participar nesta celebración “das nosas letras, a nosa cultura e o talento dos nosos veciños e veciñas”.










