A Costa da Morte énchese de actos reivindicativos da figura e da obra de Begoña Caamaño
A Praza do Concello de Carballo acolle o domingo pola mañán o 44º Concurso infantil de pintura e debuxo de Lumieira
As actividades reivindicativas da figura e da obra de Begoña Caamaño vanse suceder hoxe ao longo e ancho das distintas bisbarras da Costa da Morte coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á citada xornalista e escritora viguesa.
Na gran maioría dos concellos os programas de exaltación da lingua e da cultura galega puxéronse en marcha a comezos do presente mes de maio, aínda que se intensificaron esta fin de semana. É o caso da capital de Bergantiños, onde onte se celebrou a actividade ‘Pegada de Muller’, que arrincou cunha lectura pública de obras de autoras ás que se lle dedicou en anos anteriores o Día das Letras Galegas e culminou cunha actuación da cantante de Cances Marta Méndez.
A programación continúa este domingo con tres propostas diferentes. Ás 11.00 celebrarase o 44º Concurso infantil de pintura e debuxo Luis Calvo na Praza do Concello, organizado pola Asociación Cultural Lumieira, ainda que no caso de mal tempo a actividade trasladarase ao mercado.
Ás 13 horas actuará a Banda Municipal de Gaitas e, pola tarde, a partires das 18 horas, o local social de Cances acollerá a presentación do libro ‘Begoña Caamaño’, acto organizado pola Asociación Cultural San Campio e que contará coa presenza dos autores– Nerea Gómez, Icía Varela e Xosé Manuel Varela– e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures García. Sorterase un libro entre o público asistente e o remate da presentación compartirase un aperitivo.
A Laracha, pola súa banda, celebra tamén hoxe o Día das Letras Galegas. Desde as 18 horas a praza Les Sables d’Olonne acollerá o espectáculo de música e baile tradicional galegos coas asociacións culturais Santa María de Torás, Arume de Caión e Queiroga de Paiosaco. Este espectáculo, xa consolidado como unha das citas imprescindibles destas datas, pon en valor a tradición cultural galega a través da música e da danza da man das principais entidades culturais do municipio.
Desde onte tamén pode visitarse no baixo da biblioteca municipal ata o vindeiro martes a exposición de distintos traballos realizados polo alumnado dos cursos do programa municipal de actividades 2025-2026. As mostras de Paiosaco (centro sociocultural) e Caión (antiga rectoral) poderán visitarse do 22 ao 24 de maio.
Para este domingo tamén está programado un espectáculo teatral a cargo de alumnos dos cursos de teatro municipal. O grupo infantil porá en escea no auditorio da Casa da Cultural a obra ‘O Mago de Oz’.
Coristanco
Coristanco tamén celebra o Día das Letras cunha xornada para toda a familia. A partir das 12.00 horas terá lugar a entrega de premios do XI Certame Artístico-Literario Asunción Antelo, unha cita xa consolidada que busca fomentar a creatividade, a expresión artística e o amor pola lingua galega entre as novas xeracións. Durante o acto recoñecerase o esforzo, o talento e a participación das nenas, nenos e mozos e mozas participantes nun certame que mantén viva a palabra, a arte e o legado de Asunción Antelo Suárez, a Rexoubeira de Bergantiños.
A continuación, Trémola Teatro ofrecerá o seu contacontos ‘As letras que voan con nome de muller’. Unha experiencia dinámica, divertida e emocionante para todos os públicos que permitirá descubrir a obra de Begoña Caamaño e achegarse tamén ás mulleres protagonistas do Día das Letras Galegas ao longo da historia. Desde o Concello animan a toda a veciñanza a participar nesta celebración “das nosas letras, a nosa cultura e o talento dos nosos veciños e veciñas”.
En Malpica estiveron onte Nerea Gómez, Icia Varela e Xosé Manuel Varela presentando o libro sobre Begoña Caamaño, mentras que o acto central do día de hoxe será a ofrenda floral ás pandereteiras de Mens, homenaxeadas na pasada edición das Letras, acto previsto para as 12 do mediodía no centro sociocultural de Mens.
Na Fundación Pondal de O Couto tamén viven dun xeito moi especial a xornada de hoxe. A partires das 11.00 procederase a entrega dunha nova edición das disticións ‘Bos e Xenerosos’, acto que contará coa presencia da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.
Noutros concellos como Fisterra, onte houbo un concerto de música tradicional galega na Praza da Constitución e hoxe continuará a aposta pola cultura tradicional cunha foliada a cargo da asociación Trubisquiña. A cita é no porto fisterrán a partir das 13 horas e invítase aos veciños a acudir. A programación na fin do mundo rematará o próximo martes co acto ‘As letras para Begoña’, unha homenaxe a escritora e periodista viguesa que vai dirixida aos escolares dos centros educativos do municipio e que se celebrará no salón de actos do Concello










