Coristanco aposta pola conciliación familiar co seu programa 'Xermolar'
As actividades están dirixidas a nenos de entre 3 e 16 anos

O Concello de Coristanco mantén a súa aposta pola conciliación familiar a través de Xermolar, o programa municipal de conciliación que ofrece servizos e actividades destinados a favorecer a compatibilidade da vida familiar, persoal e laboral.
A iniciativa está dirixida a crianzas de entre 3 e 16 anos, consolidándose coma un recurso esencial para moitas familias de Coristanco ao ofrecer alternativas de lecer educativo e atención ao longo de todo o ano.
O programa abrangue unha ampla variedade de servizos adaptados ás distintas necesidades das familias. Entre eles inclúense o servizo de Madrugadores, a Aula Lúdica, actividades extraescolares, os campamentos de Nadal, Semana Santa, Verán e o pernocta xuvenil.
Ademais de facilitar a conciliación, Xermolar promove valores fundamentais como a igualdade, a corresponsabilidade, a convivencia, a inclusión e o desenvolvemento persoal das crianzas a través de actividades educativas, lúdicas e participativas.
O programa presta tamén especial atención ás familias con maiores dificultades de conciliación, contribuíndo á creación dunha rede de apoio que favorece o benestar e a calidade de vida da veciñanza.
As familias interesadas en participar nos servizos correspondentes ao período lectivo 2026-2027 deberán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 10 de xuño, co obxectivo de organizar os grupos e servizos de cara ao próximo curso escolar.
As bases reguladoras e toda a información relativa ao programa Xermolar 2026-2027 poden consultarse nos canais oficiais do Concello.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coas familias, “impulsando servizos que responden ás necesidades reais dos veciños e veciñas, garantindo que as crianzas dispoñan dun espazo seguro e educativo”, asegurou o alcalde, Juan Carlos García.










