Cabana celebra este domingo o festival de clausura da Escola Municipal de Música José María Álvarez Canto
No auditorio a partir das 18.00 horas

O Concello de Cabana celebrará este domingo o festival de clausura da Escola Municipal de Música José María Álvarez Canto, unha cita aberta ao público na que o alumnado amosará o traballo realizado ao longo do ano académico. Será ás 18.00 horas no Auditorio Municipal.
Durante o concerto, o público poderá gozar dun repertorio variado no que se combinarán pezas tradicionais galegas como ‘A Rianxeira’ ou ‘A Foliada de San Fins do Castro’ e temas de estilo moderno como ‘Yellow’ ou ‘The Climb’. Tamén haberá composicións instrumentais a cargo dos alumnos máis novos, dando mostra da actividade de iniciación que ofrece o centro.
Na escola ofrécese formación musical en distintas especialidades instrumentais e vocais, entre elas guitarra, baixo eléctrico, piano, batería, canto e gaita, fomentando a aprendizaxe musical e a participación cultural entre persoas de todas as idades.
O festival pon o punto e final ás clausuras das escolas municipais do Concello de Cabana. Xa se celebraron os peches de curso das escolas deportivas municipais, da escola de baile e da escola de teatro, nunha mostra do compromiso municipal coa formación e a participación cultural da veciñanza en todas as súas vertentes.










