A aldea do Couto, en Ponteceso, volve encherse de cultura os días 22 e 23 de agosto co Festiletras
A parte musical correrá a cargo de artistas como Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Mondra ou Pan sen Fron, entre outros

O Couto, a Aldea das Letras de Ponteceso, volve facer honra ao seu alcume cunha nova edición do Festiletras, que este ano celebra a súa 44ª edición cun programa repleto de cultura, música, literatura e convivencia. Durante os días 22 e 23 de agosto, O Couto converterase de novo nun gran espazo de encontro arredor da lingua e da cultura galega.
Como é tradición, o Festiletras ofrecerá unha programación diversa para todos os públicos, na que non faltarán os actos literarios, os faladoiros, a artesanía, o teatro, os xogos populares, as homenaxes e unha ampla oferta musical.
As familias e os nenos terán un protagonismo especial cunha programación pensada para gozar en comunidade. Haberá xogos tradicionais de madeira e obradoiros creativos da man de Miudiño, o concerto ecolóxico de Pakolas e o espectáculo "A fraga de meu avó", de Mamá Cabra, que achegará aos máis pequenos os valores da natureza e do respecto polo medio.
A animación de rúa correrá a cargo do zanqueiro Koko Pataslargas e do Folión do Zampón. Ademais, celebrarase o concerto "Lembra Xabarín", que incluirá unha homenaxe ao creador da emblemática mascota do Xabarín Club, Miguelanxo Prado.
A Eira das Letras acollerá a undécima edición das Aldeas Singulares, dedicada nesta ocasión ás aldeas literarias, coincidindo co 30º aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte e co 140º aniversario da publicación de Queixumes dos Pinos, de Eduardo Pondal. Ao longo das dúas xornadas tamén haberá encontros con autoras, autores e ilustradores galegos.

Os tradicionais Pasacabanotes volverán encher de música as eiras e cabanotes da aldea coa participación de Os Farrapos, Pan Sen Fron e Mekánica Rolling Band.
A Feira da Artesanía, que tamén alcanza a súa 44ª edición, reunirá artesáns e artesás con espazos de exposición e venda, ademais de demostracións e obradoiros en directo. Xunto a ela, a Feira do Libro continuará sendo un dos grandes sinais de identidade do Festiletras.
A música terá un papel protagonista durante toda a fin de semana. Polas Eiras pasarán Monoulious DOP, Portosanto, Brais Morán & Nasaufunk e Do Rivés. O programa completarase cun karaoke con Esteban e unha contada a cargo de Federico Pérez.
Nas sesións vermú actuarán a orquestra Neverloura e Mondra, mentres que os concertos nocturnos reunirán sobre o escenario a Grande Amore, Muchachito Bombo Infierno, Neomak e Xabier Díaz xunto ás Adufeiras do Salitre.
Dende a organización queren agradecer a colaboración de todas as institucións e entidades que fan posible este encontro na aldea de O Couto: Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Ponteceso, Estrella Galicia e Deleite.










