Anpas Galegas reclama medidas concretas para evitar a perda de falantes na escola
Critican a actualización do Plan de Normalización Lingüística en vez de solucionar o problema
Anpas Galegas, onde están incluidas as entidades da Costa da Morte, amosaron a súa sorpresa pola publicación do documento de actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística, xa que, segundo din, despois do esforzo e adicación de moitos expertos e colectivos "agora atopámonos cunha declaración de intencións", polo que esixen medidas concretas.
Insisten en que isto non é suficiente e lembran as estadísticas que alertan da perda continua de galego falantes. "Se ben en 2003 un terzo das crianzas aprenderan a falar en galego (32,4 %), en tan só dúas décadas, esta proporción baixaba ata o 10,7 %. E estas cifras de uso do galego na infancia e na adolescencia descenden aínda máis ao chegar á escola. Só un 17,7 % da rapazada de 5 a 14 anos asegura que fala máis en galego cos seus compañeiros e compañeiras en 2023, mentres que en 2003 esta porcentaxe se achegaba ao 40 %", segundo indican. Nas cidades esa porcentaxe non chea ao 5%, indican.
"Non son números para andar con vaguidades, son números para poñerse a andar e rápido. A escola é a canle fundamental para recuperar a lingua, e é, actualmente, a principal causa da perda da lingua. A conta é sinxela" afirman.
O colectivo asegura que o problema está perfectamente localizado "e temos as ferramentas para artellar unha solución que non pasa nin por boas prácticas, nin por recomendacións, nin por incentivos, porque todo isto depende da boa ou mala vontade de alguén". "Por que non falamos directamente de cambio de normativa? Sería a única garantía real para acadar os cambios necesarios. Cambio de normativa e un estrito seguimento do seu cumprimento porque a gravidade da situación o require", sinalan.
Lingua cooficial
Dende Anpas Galegas insisten en que se precisan medidas concretas e que as familias queren que o alumnado teña unha lingua propia cos que se sintan orgullosos. "Por suposto que queremos que adquiran competencias noutras linguas; temos moi presente que a lingua cooficial e que a teñen que dominar. Esta como mínimo. Pero é a lingua cooficial, non é escusable que a nosa lingua desapareza baixo ela", subliñan.
O colectivo asegura que non se parte dunha situación de igualdade e que se todo este tempo se dedicase a buscar solucións "estariamos no bo camiño". "Non deixa de sorprender a capacidade deste goberno para tomarnos o pelo e facernos perder o tempo", engaden, polo que cren que esta medida "non é o suficientemente relevante para tomala en serio".
En conclusión, indican que o problema "está enriba da mesa" mentras seguen agardando solucións "e mentras o galego vaise esquecendo".











