Tone Martínez | “Hai nenos e nenas que non viron un gran de millo en toda a súa vida”
O actor e cofundador de Galeatro, xunto con Alba Bermúdez, está de xira co seu espectáculo ‘Muiñada’

A compañía carballesa Galeatro está de xira con ‘Muiñada’, que pon en valor o traballo nos antigos muíños. Tone Martínez é actor e cofundador da compañía con Alba Bermúdez.
Levaron este espectáculo a Muxía, Vilasantar e este venres a Miño. Cal é a proposta que fai?
O proxecto ‘Os muíños no Camiño’ xorde grazas ao apoio de ‘O teu Xacobeo’, da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, e busca poñer en valor de dúas maneiras estes muíños e as súas rutas: unha con pílulas audiovisuais, que fai Carlota Mosquera e subimos ás redes; e co espectáculo teatral ‘Muiñada’, que levamos un tempo representando e que fala do que acontecía nos muíños, na experiencia de xente que estivo aí. Adaptámolo á época actual para que as familias saiban como era a vida nos muíños. Pra nós sempre foron edificios moi misteriosos, no medio do bosque, teñen unha aura do máis interesante.
Haberá familias e nenos que nunca estiveran nun muíño.
Danos entre pena e sorpresa. Xa non é que non coñezan o que pasaba dentro dun muíño, é que hai nenos e nenas que non viron un gran ou unha ‘mazorca’ de millo na vida. Durante o espectáculo utilizamos o cereal, a fariña, a peneira, unha reconstrucción dun muíño moi currada, e danos moita mágoa a desconexión que hai en xeral co mundo rural. O texto está escrito por Ana Carreira e unha das frases di que ‘a xente pensa que o pan medra nos estantes das tendas’.
Poñer en valor o rural galego é unha das ‘marcas’ de Galeatro?
O que nos interesa é poñer en valor aspectos da tradición oral e patrimonial galega. Un dos proxectos é este, e outro similar é ‘Reino de Galicia á escena’, que pon en valor patrimonio material e inmaterial da época medieval. Traer esos detalles á actualidade é importante para nós, pero si, pode que tamén a revalorización do rural vaia implícita no noso traballo.
Cando comezou Galeatro?
Hai once anos. Sempre fomos Alba e mais eu e arredor temos un plantel de traballadores. Temos tres eixos: producción escénica para público familiar, aínda que estamos abrindo unha etapa de público adulto; as aulas, que damos clases de teatro en moitos concellos, e a mediación cultural.
Vivir do teatro supón ter que diversificar o traballo, é complicado subsistir actualmente?
Nós non podemos queixarnos. Temos moito traballo, vainos relativamente ben dentro das circunstancias de estar metido no sector da arte.













