Cabana e Cee celebran as Letras Galegas con música, teatro e memoria colectiva
No concello cabanés o acto central será este domingo no auditorio con varias actividades

Cabana e Cee vivirán esta semana unha intensa programación cultural arredor do Día das Letras Galegas, para celebrar a lingua, a literatura e a creación cultural galega.
En Cabana, o Concello organizará este domingo un acto institucional no Auditorio Municipal no que a música, a poesía, o teatro e as lecturas compartidas serán os grandes protagonistas.
A celebración arrancará ás 11 horas coa participación de numerosos colectivos sociais, culturais e veciñais do municipio. No apartado musical actuarán a Coral de Cesullas, as Cantareiras de Anos, Son de Cabana, a Coral de San Martín de Canduas e Barreiro&Mato.
Ademais, a poetisa cabanesa Matilde Vilariño ofrecerá un recital poético e tamén haberá lecturas compartidas nas que participarán a Asociación Íntegro, a xunta local da AECC e Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro.
A programación completarase coa representación da obra ‘O Rei que non sabía reciclar’, a cargo da Escola Municipal de Teatro. Desde o Concello destacan que a cita pretende converterse nunha “festa do noso idioma” pero tamén “nunha festa por e para os veciños e veciñas”, poñendo en valor a implicación do tecido asociativo local.
As Letras Galegas non serán a única proposta cultural desta semana en Cabana. O sábado presentarase no Dolmen de Dombate o libro ‘O caixón das lembranzas’, de Luis Antonio Giadás, unha publicación editada polo Concello coa colaboración da Xunta que repasa os oficios das mulleres cabanesas no século XX.
Ademais, a Biblioteca Municipal María Baña acollerá o xoves unha sesión de contacontos baixo o título “Ivo, o unicornio creativo”, mentres que o domingo pola tarde terá lugar a clausura da Escola Municipal de Teatro.
Documental este xoves
Tamén Cee desenvolverá unha programación especial arredor das Letras Galegas na Casa da Cultura.
As actividades comezarán este xoves coa proxección do documental ‘Lavadoiro’, de Ana Amado e Lois Patiño, unha iniciativa impulsada polo Concello e a Deputación da Coruña dentro das actividades do Día Internacional de Sitios e Monumentos promovido pola UNESCO.
A sesión incluirá un coloquio posterior e unha visita ao lavadooiro público do Son, co obxectivo de reivindicar estes espazos como lugares de memoria e relación social, especialmente vinculados historicamente ás mulleres no rural galego.
O venres será a quenda de Trémola Teatro, que representará ‘As letras que voan con nome de muller’, unha proposta centrada na figura de Begoña Caamaño e na visibilización das mulleres na literatura galega.
Durante a xornada tamén se entregarán os premios do XXXV Concurso de Achegamento ó Libro e do XXII Concurso Na procura do noso Marcapáxinas da Biblioteca Francisco Mayán.
A programación ceense continuará o sábado cun concerto especial da Banda de Música de Cee, que contará con numerosas colaboracións artísticas e un repertorio centrado na música galega.
Participarán a Coral Polifónica Costa da Morte, a soprano Gemma Román, os gaiteiros Enol Hernández e Néstor Fidalgo, así como As Pandereteiras do Camiño, entre outros artistas convidados.
O concerto incluirá tamén unha homenaxe a Begoña Caamaño e rematará, como é tradicional, coa interpretación do himno galego xunto á Coral Polifónica Costa da Morte e os coros infantís da Escola de Música de Cee e do colexio Manuela Rial Mouzo.
A maiores, en Cee continúa aberta a exposición pictórica ‘Ritmos e Natureza’, de Lola Saavedra, e segue en marcha o prazo de participación no I Certame de Poesía ‘Batallón Literario da Costa da Morte’.










