Malpica e Muxía dan a coñecer a programación para a Festa das Letras Galegas
Na vila bergantiñá as actividades comezaron en abril e rematan en xuño e na da Barca abranguen do 9 ao 17 de maio

Os concellos de Malpica e Muxía presentaron a programación do Día das Letras Galega, que este ano está dedicado á xornalista e escritora Begoña Caamaño.
Na localidade de bergantiñá o programa ‘Malpica nun mar de letras’ comezou xa en abril e continuará ata xuño cunha ampla oferta de actividades arredor da lingua e da cultura galegas.
A programación inclúe propostas para todas as idades, con especial atención ao público infantil e familiar, combinando presentacións literarias, contacontos, espectáculos de animación, teatro, música e actos institucionais.
O obxectivo é fomentar o uso e a valorización da lingua galega, así como achegar a creación cultural á veciñanza.
Entre as citas máis destacadas atópanse o Festival das Letras Galegas, que terá lugar o 14 de maio no Auditorio do Centro Cívico; a tradicional ofrenda floral ás Pandeireteiras de Mens, o 17 de maio; así como diversas presentacións literarias centradas na identidade e no patrimonio da Costa da Morte.
O programa tamén recolle a participación activa do tecido asociativo local, con galas e actividades organizadas por distintas entidades culturais do municipio, así como iniciativas dirixidas aos centros educativos, reforzando o vínculo entre a mocidade e a cultura galega.
Muxía
Na vila da Barca a programación dará comezo este sábado cunha homenaxe ao acordeonista Pazos de Merexo no centenario do seu nacemento, e o concerto de Acordeireta.
Será a partir das 19:00 horas na praza Cabo da Vila.
O 15 de maio haberá outra cita musical especial: o concerto da Coral Virxe da Barca (Salón do Voluntariado, 20:00 horas).
O día 16 chegará o Gran Xogo das Letras Galegas para nenos de máis de 6 anos (na praza ás 12.00).
Esa noite tamén haberá concerto co dúo Abril, que presentará o seu álbum ‘Medrar’.
0 día 17 o homenaxeado será o poeta muxián Gonzalo López Abrente, a quen lle foi adicado o Día das Letras do ano 1971.
Os actos desenrolaranse a carón do monumento que o recorda e incluirán unha ofrenda floral (12 horas).








