O II Encontro Bergantiñán e a final da Liga de Regueifa reúnen en Ponteceso a preto de 400 rapaces
A xuntanza quería demostrar que a cultura galega é un motor de diversión moderno e sen etiquetas

A Praza do Recheo de Ponteceso converteuse este mércores no gran escenario da identidade xuvenil de Bergantiños da man do II Encontro Bergantiñán e da final da Liga de Regueifa.
Na xuntanza participaron uns 380 alumnos a alumnas de sete centro de ensino da comarca e membros de diversas asociacións tradicionais co declarado obxectivo de reivindicar o baile e a música galega e de demostrar que a cultura galega é un motor de diversión moderno e sen etiquetas.
O encontro foi o resultado dunha intensa rede de traballo cooperativo entre o profesorado, o CFR da Coruña, parte do tecido asociativo da comarca e os propios concellos.
Ademáis do estudantado, contouse coa partipación activa de alumnado vinculado a asociacións de referencia como Raigañas de Cerqueda, Inllar de Ponteceso e Nemeth de Carballo, garantindo deste xeito unha conexión real entre as aulas e a tradición viva que se transmite de xeración en xeración.
Os sete centros educativos que lideran esta rede son: o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), os tres institutos de Carballo (IES Parga Pondal, IES Alfredo Brañas e IES Monte Neme), o CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), o CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e o IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto, Camariñas).
Según sinalaron desde a organización, o obxectivo pedagóxico vai máis alá da aula: é fundamental que a rapazada descubra e experimente outras formas de divertirse onde a música en galego sexa o elemento predominante.
Por este motivo, o encontro encádrase estratexicamente na semana das Letras Galegas, reforzando a idea de que a lingua galega é o vehículo dun lecer potente e compartido.
Tradición e modernidade
O evento buscaba iniciar ós preto de 400 estudantes no baile tradicional con un repertorio que combinou pezas de raíz, como a Muiñeira de Limiñoa, con momentos para a música que hoxe lidera as plataformas dixitais.
Durante a merenda e os descansos, soaron artistas como LG1DO, 9Louro ou Kid Mount, demostrando que o galego é unha lingua que serve para todos os estilos musicais, de feito agora mesmo “estao petando” na escena urbana actual.
A mañá comezou coa final da Liga Escolar de Regueifa 2025/2026 na que o alumnado demostrou a súa axilidade mental e a súa facilidade para a improvisación oral.
Nesa final participaron cinco dos sete centros.
O primeiro premio foi finalmente para o IES Parga Pondal de Carballo (premiado cunha gran rosca de pan de ovo e un suadoiro para cada un dos regueifeiros) e o segundo para o IES Alfredo Brañas de Carballo (premiado cunha rosca mediana de pan de ovo e unha camiseta para cada un dos regueifeiros).
O alumnado desfrutou moitísimo desta xornada de convivencia coa que colaborou o CFR da Coruña financiando o transporte e os Concellos de Ponteceso, Vimianzo e Carballo aportando as merendas e apoio loxístico.










