Areta Bolado, Xograresa de Outono 2025: “É un recoñecemento compartido coas miñas compañeiras de A Panadaría”
O xurado destacou a traxectoria e a achega da artista á escena galega

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) outorgará o 11 de outubro deste ano o título de Xograresa de Outono á actriz, creadora e dramaturga Areta Bolado, recoñecemento que premia traxectorias comprometidas coa escena galega. A artista do Porriño recibe o galardón nun momento de transición profesional, coincidindo coa despedida da compañía A Panadaría, referente do teatro feito desde a mirada feminista e coa vontade de interpelar ao público sobre a xustiza social.
“Calquera premio é unha alegría, pero neste caso aínda máis, porque son as anteriores xograresas e xograres de outono quen o conceden. É un recoñecemento que vén das compañeiras de oficio, e iso senta especialmente ben”, confesa Bolado. Para ela, a distinción leva tamén un compoñente colectivo: “Aínda que o reciba eu, sinto que ten moito que ver co peche da nosa compañía. É un recoñecemento compartido con Ailén Kendelman e Noelia Castro”.
O xurado destacou a traxectoria e a achega de Bolado á escena galega. Ela mesma explica con humildade que “non sabería dicir por que me dan o premio”, aínda que recoñece que A Panadaría sempre procurou un teatro “moi comprometido, sempre defendendo a xustiza social”.
A actriz admite que descoñece como pode influír este galardón no futuro inmediato, pero si é consciente de que “aporta visibilidade e respaldo”. En 2026 pasará, ademais, a formar parte do censo de profesionais que escollen á seguinte persoa galardoada, un privilexio que recibe con responsabilidade: “Xa teño a algunhas persoas na cabeza, pero vou gardalo para cando deliberemos”.
A despedida de A Panadaría
Este outono, A Panadaría percorre Galicia, Portugal e diferentes puntos do Estado coa xira de despedida de ‘As que limpan’, que culminará o 22 de novembro en Tui, no Edificio Francisco Sánchez. Unha cita que será tamén o adeus oficial da compañía, tras anos de éxito e recoñecementos.
Areta non se detén: participa como cocreadora e letrista en ‘Unha señora orquestra’, o novo proxecto de Ailén Kendelman que mestura música e artes escénicas. Fiel ao seu estilo, afirma que non soña con personaxes concretos: “O que máis me gusta é estar en procesos de traballo nos que poida aportar no plano creativo. Aí sempre xorden cousas especiais”.
Sobre o momento actual das artes escénicas en Galicia, Bolado é optimista: “O teatro galego é moi forte. Tamén a danza, a maxia… temos un panorama moi rico, con propostas moi diferentes de linguaxe e enfoque. Sempre é bo momento para ir ver teatro galego”.
No FIOT 2025, o seu nome queda xa inscrito no elenco de xograresas e xograres de outono. Un recoñecemento á altura dunha traxectoria que segue abrindo camiños para o teatro galego do presente e do futuro.