Evencio Ferrero | “O Carballo do futuro vai ser moito mellor do que temos hoxe en día”
O exalcalde de Carballo foi o primeiro que felicitou a Daniel Pérez tras ser elixido como o seu sucesor no pleno celebrado este sábado.

O exalcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén estivo este sábado no pleno, aínda que desta vez nun lugar pouco habitual: entre o público, mais estratexicamente sentado xusto detrás de Daniel Pérez.
Cun retiro feliz e sen levar sobre as súas costas a responsabilidade máxima do concello por primeira vez en 22 anos, o nacionalista non quixo perderse a investidura do fillo duns dos seus mellores amigos da infancia como o seu sucesor. De feito, unha vez oficializada a súa elección, foi o primeiro en felicitalo, fundíndose nun abrazo que marca un simbólico traspaso de poderes e abre unha nova etapa en Carballo.
Que tal leva estes días de xubilación?
Pois a verdade é que moi ben. Era un paso necesario. É dicir, unha vez que cumprín os 70 anos era moi consciente de que había que poñerse a un lado e que outra persoa asumise a responsabilidade da alcaldía. Con 70 anos hai que aportar, pero o que non se debe é estorbar. Así que creo que era unha decisión que tiña que tomar. Ademais, teño que agradecer moitísimo o trato extraordinario que me dan as veciñas e veciños de Carballo cando me ven pola rúa.
Cando se levantou o luns sen ter que acudir ao Concello, como o asumiu?
Recoñezo que a noite do domingo para o luns durmín de marabilla. Ese era un dos problemas que tiña, durmir. Agora estou durmindo algo mellor. Cando espertei con esa sensación de non ter a obriga de vir ao Concello, foi unha sensación diferente, pero moi agradable, de saber que a vida continúa e que Carballo segue con moitos proxectos en marcha, e que o Carballo do futuro vai ser moitísimo maior do Carballo que temos hoxe en día.
Agora o tempo que ten é todo para a familia ou ten algún proxecto que non puido realizar antes?
Non, eu non vou retirarme da política. Vou asistir ás reunións do grupo de goberno como unha persoa máis, igual que antes asistían os que eran asesores sen formar parte da corporación, como Daniel Barreiro ou Milagros Lentes… Eu seguirei asistindo. Sempre que me inviten, alí estarei.
Non creo que non o inviten.
Eu espero que me sigan invitando (ri).
É certo que poucos como vostede coñecen tan ben Carballo.
Hai moita xente que valora todo este proceso de transformación, pero teño que dicir claramente que foi un traballo colectivo, un traballo de todo un grupo, e non só dos que estabamos con responsabilidade de gobernar, senón de toda a xente que nos arroupou. Vólvoo dicir: a decisión da miña substitución adoptouse non só por unanimidade do grupo de goberno, senón tamén por unanimidade dunha asemblea moi concorrida.
Cando Daniel foi elixido alcalde no pleno, vostede foi o primeiro en felicitalo. Foi un momento especial?
Quería ser o primeiro, si. Sen dúbida foi especial. Teño moi en conta os lazos familiares que me unen con Daniel, porque desde que teño seis anos son amigo de Orlindo, o seu pai. Esa amizade mantivémola sempre, e agora xa teño eu 70 e el 69, e sempre conservamos esa gran amizade. Estudamos no mesmo colexio, xogamos ao fútbol no mesmo equipo, eramos da mesma pandilla. Son moitísimos anos de relación. Para min é moi entrañable e mesmo emocionante ver que Daniel, o fillo dun gran amigo, é quen me substitúe na alcaldía.
Se o coñece desde neno, entón supoño que espera moito del.
Coñézoo antes de ser neno (ri). Podo dicir que Carballo queda en moi boas mans.