‘Xesto’: a arquitectura efémera de Noelia Paz para o FIOT
A instalación permanecerá visible ata o 12 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo convidou este ano á artista e escultora Noelia Paz a crear unha instalación artística para o Pazo da Cultura, inspirada no lema “raíz” do FIOT 34 e na imaxe gráfica da deseñadora Patricia Portela. O resultado é ‘Xesto’, unha peza monumental que transforma a entrada ao auditorio nunha porta simbólica de acceso ao universo do festival.
“A proposta nace de observar o cartel do FIOT, onde as mans se conectan como raíces”, explica Paz. Esa idea de unión e sustento deu forma ao concepto inicial: dúas mans que se entrelazan para formar un arco baixo o que pasa o público. A partir dese xesto, a artista desenvolveu un entramado cenital de volumes de cartón que remite ao micelio -a rede subterránea dos fungos- como metáfora das conexións invisibles que nos unen.
“Inspirábame a idea das mans como raíz, como ese apoio ás accións do ser humano”, comenta. “Pensei en crear un espazo inmersivo, un limiar que o espectador atravesase ao entrar no auditorio, e que a partir dese momento fose un movemento que se fose elevando cara ás portas do auditorio”.
A instalación, realizada con cartón entretecido e fibras naturais, combina técnicas escultóricas con procedementos próximos á artesanía. “Era a primeira vez que traballaba a unha escala tan grande. Foi un reto técnico”, engade.
A arte: espazo compartido
Aínda que nacida en Lalín, Noelia Paz mantén un estreito vínculo con Carballo, onde traballa na biblioteca Rego da Balsa e desenvolveu outros proxectos culturais. A súa traxectoria móvese entre a escultura, o deseño urbano e a mediación artística. Actualmente realiza un doutoramento en arte e paisaxe nunha facultade de arquitectura, onde investiga a relación entre a arte, o territorio e a sociedade.
“Sempre interesoume o espazo público, pola súa dimensión volumétrica e social. ‘Xesto’ sitúase nesa liña: unha obra que non pertence a un museo, senón a un lugar de paso, accesible e cotián. Gústame pensar a arte como unha experiencia próxima ás persoas”.
O nome da peza, ‘Xesto’, alude tanto ao movemento das mans como á acción creativa. A instalación convida a reflexionar sobre como as raíces -biolóxicas, culturais ou persoais- se transforman en movemento, en acción, en xesto.
Segundo a artista, o público respondeu con entusiasmo. “O feedback foi moi positivo. Creo que conectou tanto pola dimensión da obra como pola técnica. A verdade é que estou moi agradecida polos comentarios que recibo”, comenta.
A instalación permanecerá visible ata o 12 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo, acompañada dunha peza complementaria na sala de exposicións, xunto á mostra fotográfica Zoom FIOT. Ambas obras dialogan entre si, prolongando esa rede de raíces e xestos que o festival propón como fío condutor da súa 34ª edición.