Carballo reivindica o papel da muller na cultura galega e aposta polo talento local
O Concello deseñou un amplo programa de actividades para festexar as Letras Galegas

O Concello de Carballo celebra as Letras Galegas apostando por una iconografía propia que pon en valor o talento local e reivindica o papel fundamental da muller na cultura galega. Como motivo do 17 de maio presentará unha imaxe da autora homenaxeada, Begoña Caamaño, realizada polo artista carballés Mon Lendoiro. Esta nova ilustración súmase á de Rosalía de Castro, no xardín adicado á autora.
Para dar a coñecer a obra, o Concello elaborou unha gran lona que se colocará a semana que vén na rúa Coruña, e tamén marcapáxinas, carpetas conmemorativas e fichas para pintar que se repartirán entre o 11 e o 15 de maio nos centros de ensino, para que a figura e mensaxe de Caamaño (“é o tempo do feminismo”) chegue a todo o alumnado. Entre as actividades destacadas para os vindeiros días tamén se inclúen propostas do movemento asociativo.
A primera será esta tarde de sábado no centro social de Verdillo coa II Ruada das Cereixas, organizada pola Asociación Cultural Arume. O 15 de maio haberá diversas propostas na Praza do Concello, onde se inclúe unha novidade, ‘O reloxo do tempo’, unha experiencia de dinamización lingüística que converterá a praza nun escenario de xogo e misterio. Alumnado do IES Alfredo Brañas terán como misión evitar que se perda a lingua e a cultura galegas e para iso deberán actuar con oito personaxes fundamentais.
O 16 de maio na rúa Coruña terá lugar a proposta ‘Pegada de muller’, onde se poñerá en valor as mulleres das letras e das artes e haberá unha lectura pública de obras das mulleres homenaxeadas nas Letras.
O día grande do 17 de maio están previstas tres actividades principais, o concurso infantil de pintura e debuxo Luis Calvo na Praza do Concello, un concerto da Banda Municipal de Gaitas e no centro social de Cances presentarase a obra “Begoña Caamaño”, de Nerea Gómez, Icía Varela e Xosé Manuel Varela.










