A ANPA A Carballeira, do CRA carballés Ponte da Pedra, premiada no concurso ‘Somos rural’
O traballo premiado foi “Avoíña dime”, que recibe 300 euros

A Confederación Anpas Galegas entregou os premios da IV edición do concurso audiovisual ‘Somos Rural’, unha iniciativa que continúa consolidándose como un espazo de participación educativa, creatividade e defensa do patrimonio cultural do rural galego.
O certame reuniu nesta edición sete proxectos elaborados por centros educativos públicos e Anpas de diferentes lugares, que volveron demostrar a enorme capacidade da comunidade educativa galega para traballar en equipo, recuperar a memoria colectiva e poñer en valor a riqueza social, cultural e patrimonial do rural.
Entre os premiados atópase a Anpa A Carballeira, do CRA Ponte da Pedra de Carballo, polo traballo “Avoíña dime”, que recibe 300 euros. O primeiro premio foi para o CEIP de Pontenova, en Lugo, dotado con 800 euros; e o segundo para o CEIP Os Casais, de Fene, dotado con 500 euros. Anpas Galega felicita a todos os participantes neste proxecto,o que supón “unha mostra excepcional do talento”.
Os traballos finalistas “evidencian que o rural galego é un espazo vivo, dinámico e cheo de futuro, no que as novas xeracións continúan defendendo e divulgando a súa identidade, a súa historia e as súas tradicións desde unha mirada actual e comprometida”.










