O San Xoán carballés xa está aquí
Sete artistas de Carballo e do resto de Bergantiños abren a exposición “O susurro dos antergos” este xoves

As actividades arredor do San Xoán de Carballo continúan nesta xornada de xoves, a menos dunha semana dos días grandes das festas patronais. Os “Petiscos de San Xoán” e unha mostra colectiva que se inaugura esta tarde no Pazo da Cultura son as principais protagonistas desta xornada, que serven para dar a benvida ás festas patronais.
A axenda festiva do mercado municipal arrinca este xoves e as instalacións transformaranse nun escaparate dos mellores produtos de tempada cunha degustación de petiscos elaborados con produtos típicos da época mercados na propia praza. A clientela obterá os vales para a degustación ao realizar as súas compras nos distintos postos.
A xornada, pensada para dinamizar o espazo e premiar a fidelidade da clientela, completarase mañá venres cun sorteo dunha cesta de San Xoán, que levará diferentes produtos doados polos praceiros.
Pola noite, a partir das 21.00 horas, inaugúrase no Pazo da Cultura unha exposición colectiva que leva por título “O susurro dos antergos”, de sete artistas de Carballo e do resto da comarca de Bergantiños: Milagros Cotelo, Cristina Castro, Isabel Soutullo, XMÑ (Maribel Castiñeira), Loli España, Luis Pesce e Mon Lendoiro. A mostra mergúllase na riqueza da mitoloxía galega, dando vida aos seus seres, lendas e simboloxías.
A través dunha mestura de obras plásticas, instalacións e performance, a exposición crea un espazo sensorial onde o pasado e o presente dialogan. Un convite a escoitar as voces antigas que aínda latexan na nosa memoria colectiva.
Para o sábado haberá unha nova edición da Foliada do San Xoán, un encontro para as agrupación de música e baile tradicionais. Está prevista a presenza da Escola do Alprende de Oza, a AC Arume de Verdilllo, a AC Nemeth, a AC San Campio de Cances e o Coro Aires de Bergantiños, a partir das 20.00 horas na Praza do Concello.
Tamén contará coa actuación do grupo Lorelia (ata agora coñecido como Paracetafolk), que conta cun integrante de Carballo, Xairo Campos. O ambiente festivo xa se palpa en Carballo dende hai días. Onte os operarios colocaban as luces na Praza do Concello, nas vésperas das festas.











