Daniel Pérez: “Santo patrón, pídoche que Carballo siga sendo un lugar de oportunidades”
A localidade encheuse de festa no seu día grande, no que o alcalde realizaba por primeira vez a invocación ao santo

Carballo honrou este mércores ao patrón San Xoán no seu día grande. Nunha xornada marcada de novo polas altas temperaturas, tradición e modernidade volveron a darse a man para gozar dun día de festa por todo o alto. As rúas enchéronse de xente neste día festivo en toda Galicia coa resaca da noite meiga aínda moi presente dende primeira hora.
A Banda Municipal de Gaitas e os grupos de gaitas das asociación San Campio de Cances e de Arume de Verdillo foron os encargados dos pasarrúas que anunciaban o día do patrón pola localidade, antes de dar paso á misa solemne e á procesión polas rúas.
O mesmo que aconteceu o luns co pregón, o alcalde, Daniel Pérez, realizou por primeira vez a invocación ao patrón, dende unha “profunda responsabilidade e con inmensa honra”, tal como el mesmo afirmou durante a eucaristía, presidida por José García Gondar, e cantada pola Coral de Bergantiños.
O rexedor aproveitou para presumir do seu pobo e ás súas xentes e pediu a interseción do santo para manter os valores e guiar a toda a Corporación para traballar en beneficio de todos os cidadáns. “O Carballo de hoxe non agarda polo de mañá, senón que o deseña e o constrúe día a día dende a sostenibilidade, a innovación e, sobre todo, poñendo o benestar das persoas no centro” subliñou Daniel Pérez.

Neste día grande, dixo, "non vimos facer demandas dende a resignación, senón de responsabilidades compartidas, e pedímosche que nos acompañes neste reto de seguir facendo do noso concello un lugar de oportunidades”. O mandatario pediulle axuda a San Xoán para que Carballo siga sendo un referente económico, que siga medrando en equilibrio e continúe sendo un referente de modernidade.
Pero por encima de todo, “pídoche axuda para manter sempre acesos os nosos valores máis profundos”, indicou. “Inspírame a min e a toda a Corporación para gobernar e traballar sempre dende a proximidade, a escoita activa e a empatía”, solicitou o rexedor. E ante os “tempos escuros” que se aproximan e os que predican “o odio e o medo”, invocou ao patrón para que “Carballo sexa sempre lugar de acollida, un espazo de liberdade onde a xustiza social e a paz sean as bases irrenunciables do noso avance colectivo”.
O alcalde pediu que as “augas do Anllóns sigan sendo testemuñas dun val próspero e que o lume desta festa máxica nos dé a enerxía e a luz necesarias para seguir avanzando xuntos con optimismo e valentía”, ademais de expresar a súa gratitude polo “camiño xa percorrido” e a ilusión polo que está por vir.

Estas pezas propiedade do Concello xa se empregaron en décadas pasadas, e rescatáronse en 2025 por primeira vez para animar o San Xoán, encargándose delas as asociacións de danza e música tradicional do municipio. Pola noite estaba prevista a primera actuación estelar das festas, Baiuca, na Praza do Concello, e ao seu remate, verbena coa orquestra Panorama City en Rego da Balsa. As festas do San Xoán continuarán durante toda a semana.
Na xornada do xoves 25 de xuño Carballo honrará ao Santísimo Sacramento, con misa solemne ás 12.30 horas, cantada polo coro Aires de Bergantiños. Ao rematar terá lugar a tradicional procesión onde levarán o Santísimo nunha carroza engalanada, acompañado das autoridades e funcionistas.
Como é habitual, haberá bendición nos altares das rúas Gran Vía, Cervantes e Braña. Pola tarde, ás 18.30, a compañía Desastronauts levará o seu circo, con acrobacias e trapecistas, ao Parque do Anllóns. Pola noite, verbena con Los Satélites e Última Legión.












