O artista Álvaro Corral Cid inicia a súa ‘Residencia Paraíso 2026’ no Pazo da Cultura de Carballo
Desde este mércores 1 e ata o día 15 de xullo, o artista e investigador ourensán traballará na súa proposta 'Asoballada por fentos', un estudo simbiótico entre arquivo e performance

O artista e investigador Álvaro Corral Cid inicia este mércores,1 de xullo, en Carballo, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas, promovido polo Colectivo RPM.
O Pazo da Cultura acolle, ata o mércores 15 de xullo, a cuarta destas residencias artísticas de 2026, en torno á proposta do ourensán Álvaro Corral Cid, que ten por título Asoballada por fentos, un estudo simbiótico entre arquivo e performance, co acompañamento musical de Gabi Reboredo.
O proxecto é un convite a ler con outros ollos os materiais da nosa memoria folclórica; un punto intermedio entre muiñeiras, bordados, noticiarios cinematográficos e ditadura.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o vindeiro outubro. Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Asoballada por fentos aparece como póla dunha investigación en arte máis alá da academia. Unha estrofa de romance galeguista, acompañada de pandeireta e trompeta falanxista.
A partir da práctica artística e da investigación de Álvaro Corral Cid, este proxecto preséntase coma un estudo simbiótico entre arquivo e performance, unha práctica que nace xunto co acompañamento musical de Gabi Reboredo. Un procesual convite a ler con outros ollos os materiais da nosa memoria folclórica; un punto intermedio entre muiñeiras, bordados, noticiarios cinematográficos e ditadura.
Deste xeito, Asoballada por fentos parte dunha traxectoria que reflexiona arredor dos arquetipos rexionais franquistas e os espectros que proxectan sobre os nosos modos contemporáneos de reproducir culturas enxebres. Un lugar dende o que condensar un estendido proxecto que versa sobre a construción do arquetipo folclórico galaico durante o réxime de Franco, nun panorama global que explora o intrusismo das políticas autoritarias sobre as identidades en España e as súas expresións tradicionais.










