Razo abre o ciclo de cine ao aire libre, que este verán viaxará por distintas parroquias carballesas
En total serán 12 proxeccións gratuitas ata o mes de setembro

As Noites de Cine volven a Carballo este verán, nun novo ciclo que levará os mellores filmes polas distintas parroquias e barrios entre os meses de xullo e setembro. En total serán doce proxeccións gratuítas que se desenvolverán os mércores e xoves en parroquias, barrios e no Xardín Municipal, cunha programación pensada para todos os públicos e que combina cine familiar, comedias, aventuras e destacadas producións galegas.
O ciclo arranca este mércores 8 de xullo, ás 22.30 horas, na praia de Razo, coa proxección de “El Casoplón”, unha comedia para todos os públicos. Durante o mes de xullo, as Noites de Cine visitarán tamén os barrios do Chorís e San Cristovo e as parroquias de Sofán, Cances e Entrecruces, con títulos como “Campamento Garra de Oso”, “Los Futbolísimos 2: El misterio del tesoro pirata”, “¿Quién es quién?”, “Padre no hay más que uno 5: Nido lleno” ou “Sketch. Cuidado con lo que dibujas”.
En agosto, a programación continuará no Xardín Municipal, onde poderá verse a película galega "Romería", unha das producións máis destacadas do ano dirixida por Carla Simón (gañadora do Oso de Ouro na Berlinale con Alcarrás), e tamén en Baldaio-Pedra do Sal e Lema, con novas sesións de "Los Futbolísimos 2" e "El casoplón". Así mesmo, as pantallas chegarán a Sísamo con nova sesión de "Padre no hay más que uno 5: Nido lleno".
O ciclo péchase o 3 de setembro, na Praza da Milagrosa, coa proxección de "Rondallas", dirixida por Daniel Sánchez Arévalo (Goya a mellor director novel por AzulOscuroCasiNegro) outra das grandes apostas do cine galego recente.










