'Sol x Ciencia' chega a Razo con Begoña Nicolás e Borja Tosar para continuar en agosto con novas propostas
Ás 20.30 horas deste mércores comenzará a segunda cita do ciclo no Terra Bar

Coa vista posta na histórica eclipse do vindeiro 12 de agosto, o Concello de Carballo continúa co desenvolvemento de 'Sol x Ciencia', un programa de divulgación científica deseñado para dotar á cidadanía de ferramentas de análise, rigor e coñecemento seguro ante un dos fenómenos astronómicos máis importantes da década.
Inspirado no modelo de democratización da ciencia do festival Pint of Science, o ciclo traslada o debate científico fóra dos laboratorios.
O propio nome da campaña, 'Sol x Ciencia', sintetiza este espírito: por un lado, a maxia do solpor (hora na que darán comezo as sesións); polo outro, a "x", que representa a variable, a incógnita matemática e o método de procura de respostas que define á ciencia.
As sesións —enmarcadas na European Researchers' Night— abordarán o comportamento do noso sistema solar e os seus efectos sobre a Terra a través de diversas disciplinas científicas.
O desenvolvemento é moi semellante ao do festival de maio, con dúas charlas breves e asequibles en cada xornada, xogos e sorteos, nun ambiente distendido como é o do bar.
A primeira xornada do ciclo, celebrada no Camping Baldaio coas intervencións de Isabel Lema Gesto (USC) e César González García (CSIC), foi un éxito de público e participación, con máis de medio cento de persoas interesadas en aprender a protexer a súa saúde ocular e a descubrir a historia das eclipses na cultura humana.
Contido dos relatorios
A segunda cita do ciclo ten lugar este mércores, 29 de xullo, ás 20:30 horas no Terra Bar de Razo, cunha lixeira modificación no seu cadro de relatores.
Unha delas será Begoña Nicolás Ávila, profesora de Astronomía e Astrofísica e Matemática Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en Mecánica Celeste, que falará de 'Cando un aliñamento dos astros non é suficiente'.
Abordará o fenómeno dende un punto de vista matemático e físico, desvelando os complexos cálculos, as órbitas e as variables xeométricas exactas que fan posible que a Lúa oculte o Sol.
O outro relator será Borja Tosar, astrofísico, divulgador científico e comunicador habitual en medios de comunicación, especialista na divulgación da astronomía observacional e a exploración espacial.
Como experto comunicador e observador do ceo, guiará ao público nos aspectos clave, curiosidades e pautas prácticas para entender e desfrutar visualmente dun evento astronómico único que tardará décadas en repetirse.
Este ponente substitúe a Óscar Blanco, que non pode achegarse a Carballo na data prevista inicialmente, pero que sí participará en vindeiras sesións de 'Sol x Ciencia'.
En agosto, máis
Este ciclo forma parte do Proxecto Talento km0 (TALK0), está coordinado pola Concellaría de Innovación do Concello de Carballo e conta co financiamento da Unión Europea.
Cun enfoque rigoroso pero accesible, Sol x Ciencia reivindica o rigor científico e o pensamento crítico como ferramentas clave para que a poboación poida comprender, gozar e documentar de forma segura a eclipse solar.
Ademais, dende a organización anúnciase que "Sol x Ciencia" continuará durante o mes de agosto con novas propostas e actividades arredor do fenómeno astronómico e doutros campos da ciencia.












