A X edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT xa ten finalistas
As pezas seleccionadas son: wOHrk, A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, Fogar, A casa do avó, A vergonza era verde e comeuna a vaca, e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela

A X edición do Certame Micro-Escenas M2 do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo deu a coñecer este martes os seus finalistas. O xurado escolleu entre as 25 propostas recibidas as seis pezas experimentais de pequeno formato (das que cinco son estreas absolutas) que poderán verse este outubro na 35º edición do FIOT. Son: wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas.
Son propostas que transitan por disciplinas tan diversas como o clown, o teatro de obxectos, o teatro de máscaras, a danza, o teatro físico ou o de actor.
O xurado de profesionais das artes escénicas desta X edición do Certame Micro-Escenas M2 estivo integrado por Caterina Varela, artista, comisaria e xestora cultural, directora das Residencias Paraíso, do Colectivo RPM; Gustavo del Río, director, dramaturgo e xestor cultural; Alba Bermúdez, actriz e codirectora da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.
En palabras do xurado, está décima edición do certame "continúa reafirmando o seu compromiso coas artes vivas, coa investigación de novas linguaxes, coa exploración de novos formatos e co impulso de compañías e creadores emerxentes. É un laboratorio aberto para experimentar cos límites do teatro e expandir as súas formas”.
O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do 35º FIOT: a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell, a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit.
A entrada é libre ata completar a capacidade de cada espazo. Dadas as limitacións de aforo, recoméndase facer unha reserva no enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com unha vez anunciado o programa do #FIOT35 o vindeiro mes de setembro.
O Certame Micro-Escenas M2 ofrece un teatro sen barreiras, sen distancias, sen rede. É o teatro cara a cara. Próximo, fugaz, en estado puro.
A 6 pezas finalistas do certame neste 2026 recibirán unha compensación económica de 500 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso.











