Mon Lendoiro | “Hai que apostar polo produto sostible e a produción consciente”
O artista multidisciplinar, que organiza o Recuncho do Artesán no seu Estudo Garabato, reivindica o traballo que están facendo as novas xeracións de creadores en Carballo

Artistas e artesáns como Charo Creaciones, Refugallo Zero, Xeitosas, Mimos by Eva, Son Artesana, Dípataca, Cristina Castro Ilustraciones, Santi Picos, Mon Lendoiro, Ramón Lema, Isabel Soutullo, Maribel Castiñeira Varela (XMÑ), Loli España, Miss Bolboreta, As 4 Aghullas, Manualidades Loli e Luís Pesce participan no Recuncho do Artesán, a I Feira Artesá de Verán que acolle o Estudo Garabato de Carballo. A cabeza visible deste espazo, o artista multidisciplinar Mon Lendoiro, aproveita para reivindicar unha produción consciente frente aos produtos masivos, que estén feitos a man e sostibles. Lendoiro tamén eloxia o traballo que están facendo as novas xeracións en Carballo dende diferentes ámbitos artísticos.
Como está indo este Recuncho do Artesán?
De momento bastante ben. A xente entra, mira, logo volve... esa é a idea, de que cheguen e volvan. Aínda están traendo estos días máis cousas porque ao coincidir a fin de semana co Festiletras había xente que estaba alí cos seus produtos.
Xa pensan en repetir?
Si, a idea é repetir en Nadal cunha edición especial e logo no vindeiro verán. Creo que está funcionando ben e a idea é seguir co mesmo estilo. Todo feito a man e produtos sostibles. Pensamos en que debe ser unha produción consciente, non comprar por comprar. E prolongarase ata mediados de setembro, xa que en principio era ata o día 8.
Que podemos atopar neste Recuncho?
Unha variedade de produtos feitos a man. Temos unha especie de tómbola como de cando eramos nenos, puxemos caixas de fruta decoradas e podemos atopar moda sostible, bolsas, mochilas, camisetas, fundas para móbiles e gafas, álbumes a man, postais, cosmética natural, velas, libretas, abanos, xabóns, muñecas de ganchillo, pulseras, produtos ecolóxicos... A idea xurdiu porque levamos dous anos sin poder ir a Tarde Noite no Medievo en Riobó, en Cabana, e decidimos traer aquí a feira.
En que novo proxecto está traballando?
Agora empezaremos o novo curso lectivo sobre o 7 de setembro con diferentes obradoiros. Estamos tamén preparando unha nova exposición, aínda que por agora non podo adiantar nada.
Que balance fai destos anos ao fronte de Estudo Garabato?
Xa imos facer 14 anos co estudo e o balance é moi positivo. Sempre vas con medo, pero ao longo deste tempo ves o que funciona e o que non. O meu lado artístico sempre estuvo aí, pero a min o que me preocupaba era como dinamizar o espazo. Desde o principio fixemos presentacións literarias, exposicións, agora ultimamente tamén me dou pola artesanía facendo xoias e aí estamos...
Podemos dicir que Carballo é un lugar de artistas...
Si, é un lugar de artistas, é certo. Pero tamén teño que dicir que temos moito apoio. Aquí o que queren é que a xente fagas cousas e nesas estamos. Ás veces o público é máis reacio, pero a min gústame que a xente entre, que coñeza o que facemos, que pregunte... Agora mesmo hai moitos nenos aos que lles gusta a arte e están participando moito, facendo moitas cousas.
Entón, parece que hai remuda de artistas entre as novas xeracións?
A verdade é que a xente nova está facendo cousas moi boas. Temos mozas como Isa Bermúdez ou María Barca que están traballando moito e iso é de agradecer. E logo hai xente que descubre que a calquera idade se poden facer cousas e iso está moi ben porque nunca é tarde para aprender cousas. Eu mesmo me metín agora en docencia para desempregados, e mañá quizais en escaparates... Nunca é tarde para facer nada.











