Dolores Fernández | “Queremos compartir coa cidadanía e facer pública a historia de 50 anos de Aspaber”
A directora da entidade carballesa defende o traballo realizado ao longo do medio século de vida, que é froito do esforzo colectivo

A Praza do Concello de Carballo acolle dende este venres ata finais de mes unha exposición sobre a historia de Aspaber, un percorrido polos 50 anos da asociación de atención a persoas con discapacidade de referencia na comarca de Bergantiños.
A directora da entidade, Dolores Fernández García, afirma que con esta iniciativa queren “compartir e facer pública a nosa historia” a toda a cidadanía, xa que a pesares de levar medio século de traballo ás súas costas “as entidades sociais sempre fomos as grandes descoñecidas”, sinala. “Non somos un centro de interese”, indica a directora, que ocupa este cargo desde 1980, practicamente dende a súa fundación.
O éxito máis grande é saber adaptarse aos tempos. E temos que avanzar, non podemos instalarnos na queixa porque senón non avanzamos
Ao longo deste tempo houbo moita loita, traballo, éxitos e tamén “sinsabores” que agora comparten coa cidadanía. Dolores Fernández insiste en que os logros son grazas ao traballo de todos, polo que se trata dun aniversario compartido con todas as persoas que pasaron pola entidade, dende profesionais, voluntarios, familias e usuarios, tanto os actuais como os que xa non o son. Fernández admite que a situación da entidade ten pouco que ver coa de hai cincuenta anos, xa que, ao igual que o resto da sociedade, foi evolucionando neste tempo.
Conseguíronse moitos servizos impensables nos seus inicios, pero aínda queda moito camiño por recorrer. “O éxito máis grande é saber adaptarse aos tempos. E temos que avanzar, non podemos instalarnos na queixa porque senón non avanzamos”, subliña. Aparte dos avances no ámbito laboral, cun centro especial de emprego de 76 traballadores ou o programa de FP Dual Adaptada, Dolores Fernández considera imprescindibles todas as melloras conseguidas no ámbito asistencial dos usuarios.
Nós cremos nas persoas e nas capacidades. Non hai ningún ser humano que non teña capacidades
“Traballamos arreo para que a atención sexa de calidade, que se adapte ás familias, que teñan unha calidade de vida e que se presten os servizos acorde coas súas necesidades”, matiza. Entre os principais obxectivos a curto prazo atópase seguir dotando de servizos aos usuarios, sobre todo tendo en conta que se trata dunha poboación envellecida nunha zona rural, polo que as necesidades acentúanse.
Tamén continuarán loitando para que Aspaber siga sendo un centro de referencia de atención á discapacidade. Aspaber é unha das cinco entidades en Galicia que conta co programa de FP Dual Adaptada, do que en moi pouco tempo sairá a segunda promoción. A primeira foi todo un éxito, cun índice de inserción laboral dun 80%, polo que axiña poñerán en marcha a terceira. Neste sentido, Fernández insiste en que hai que falar sempre de persoas e de capacidades, sen ningún tipo de etiqueta. “Nós cremos nas persoas e nas capacidades. Non hai ningún ser humano que non teña capacidades”, subliña.

Así, defende que despois desta longa traxectoria que os avala, Aspaber debe de ser un “interlocutor válido” para reivindicar os seus dereitos fronte a calquera administración. A modo de exemplo, nestes momentos acaba de sumarse á campaña que promove a asociación empresarial de discapacidade In-Red-Galicia, que reclama á Xunta condicións laborais e salariais dignas. “Non temos que mendigar, senón reclamar os nosos dereitos”, defende a directora de Aspaber.
Na actualidade, a entidade atende a 120 persoas de 13 concellos, a través dos seus diferentes centros e servizos. Conta cun centro ocupacional, centro de día, residencia e centro especial de emprego, ademais de ofrecer servizos de comedor, transporte, fisioterapia, logopedia, atención psicolóxica, traballo social e atención ás familias.
A exposición que se inaugura este venres (11.30 horas) forma parte do programa “Aspaber 50 anos: traxectoria, compromiso e futuro”, co que a entidade está a conmemorar ao longo de 2026 o seu medio século de historia levando a cabo diferentes propostas. A mostra está composta por cinco cubos expositivos que ilustran a súa traxectoria.












