Carballo anima a escribir en galego cun obradoiro de iniciación á escritura
Desenvolverase entre xaneiro e xuño con dúas sesión mensuais a cargo da escritora e xornalista Marta Villar

O Concello de Carballo continúa coa súa aposta pola lingua galega e ademais dos consolidados clubs de lectura, agora dá un paso máis para que persoas de diferentes idades se animen a escribir. Prepara así un obradoiro de iniciación á escritura creativa en galego, centrado na narrativa de ficción e impartido pola escritora e xornalista Marta Villar.
A nova actividade, promovida pola Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, desenvolverase de xaneiro a xuño nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, cun total de dúas sesións mensuais. Os encontros celebraranse os primeiros e terceiros venres de cada mes, de 16.00 a 17.30 horas, polo que ao longo dos seis meses de duración as persoas participantes poderán avanzar progresivamente desde os primeiros pasos da creación literaria ata a elaboración e revisión dos seus propios textos.
O obradoiro terá un carácter eminentemente práctico e abordará todo o proceso de creación dunha narración. Entre os contidos previstos figuran os elementos básicos da narrativa, a construción de escenas, as técnicas narrativas, a xeración de ideas e o desbloqueo creativo, a creación de personaxes e diálogos ou o traballo coas distintas voces narrativas.
As sesións incluirán tamén lecturas críticas e guiadas, exercicios e dinámicas de creación, así como a revisión e posta en común dos textos elaborados polo propio alumnado.
A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, destaca precisamente esa continuidade entre ambas as propostas: «Os clubs de lectura demostraron que en Carballo hai moitísimo interese pola literatura e tamén ganas de compartila. Con este novo obradoiro queremos abrir outra porta: ofrecer un espazo para quen algunha vez pensou en escribir unha historia pero non soubo como empezar, e facelo ademais en galego, demostrando que a nosa lingua é tamén unha ferramenta viva para crear, imaxinar e contar».
As persoas interesadas en participar poden anotarse a través de carballo.gal.












