O Concello carballés recoñece a traxectoria de Álex Felpeto tralos seus últimos éxitos no karate
O deportista asinou no Libro de Honra do Deporte

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, recibiu este venres na casa do concello ao deportista local Álex Felpeto, unha das figuras máis destacadas do karate actual, para renderlle unha homenaxe oficial polos seus recentes logros deportivos, entre os que destaca a medalla de bronce en kumite -84 kg no Campionato de España.
Durante o encontro, Felpeto tivo a oportunidade de asinar no Libro de Honra do Deporte. O karateka subliñou o orgullo que supón para el representar á súa vila: “Moitísimas grazas pola miña parte e tamén por parte da familia do Karate Do Carballo. Toda unha vida dedicada ao karate e todo o que queda, e sempre con Carballo gravado nas costas e no peito”, expresou emocionado.

Daniel Pérez fíxolle entrega dun pisapapeis conmemorativo de cristal co skyline de Carballo e de varios libros, como símbolo do recoñecemento de toda a cidadanía ao seu esforzo e dedicación.
O rexedor destacou que Felpeto é un referente para a mocidade carballesa, non só polos seus resultados, senón polos valores de disciplina e constancia que transmite. No acto tamén estivo presente o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, quen destacou a excelente saúde da que gozan as artes marciais no noso concello, e o papel fundamental do club Karate Do Carballo na formación de grandes talentos desta modalidade deportiva. Tanto o alcalde como o concelleiro desexáronlle a Álex Felpeto moitos máis éxitos na súa prometedora carreira.









