Aspadex pon en valor o traballo das persoas con discapacidade cun obradoiro en Corcubión
Será sobre encadernación artesanal e levarase a cabo este venres 15 de maio

Coincidindo coa celebración das Letras Galegas, o Concello de Corcubión, a Biblioteca municipal e a Asociación Aspadex organizan un obradoiro de encadernación artesanal para mañá venres 15 de maio. A actividade está orientada a iniciarse na técnica da encadernación artesanal e ao mesmo tempo, dar a coñecer a figura da homenaxeada deste ano, Begoña Caamaño. Levarase a cabo na biblioteca municipal, entre as 16.30 e as 18.00 horas. As persoas interesadas en participar deben anotarse chamando ao Concello de Corrcubión ou á sede de Aspadex.
Aspadex acaba de realizar varias actividades en colaboración co instituto Fernando Blanco , cunha Mostra na tenda Aspadex en Cee polo Día do Libro, e tamén coa Anpa Alén do CEIP Praia de Quenxe para dar a coñecer o seu traballo ao alumnado.
Con este tipo de actividades preténdese visibilizar e poñer en valor o traballo e as capacidades das personas con discapacidade, como farán coa realización deste obradoiro de encadernación. “Estas colaboracións xeran interaccións interpersoais en contextos naturais e culturais favorecendo así a inclusión”, destacan desde a entidade.










