Cee entrega os premios de ‘Achegamento ao Libro’ e brinda unha homenaxe ao seu promotor
A alcaldesa ceense reivindicou o compromiso do Concello coa cultura e coa promoción da lectura

O Concello de Cee entregou onte os premios dos concursos de ‘Achegamento ao Libro’ e ‘En busca do noso marcapáxinas’, incluidos nos actos das Letras Galegas. Antes de facer público o fallo do xurado, a alcaldesa, Margot Lamela reivindicou o compromiso do Concello coa nosa cultura e coa promoción da lectura e aproveitou para dar os parabéns a todos os premiados e a todos os participantes, que nesta ocasión foron 342.
Lembrou ao promotor destes concursos, Mon Rey Senra e agradeceu a labor da actual bibliotecaria, Sara Rodo, por seguir mantendo vivo o espírito destes concursos, e tamén tivo un recoñecemento para o xurado, profesorado e medios de comunicación. Ao rematar, visionouse o video homenaxe a Mon realizado por Fernando Fraga.
Nel, pódese escoitar o tema “A Mon”, composto polo propio Fernando Fraga que o interpreta ao acordeón xunto con Martín Castiñeira ao clarinete. No Concurso de ‘Achegamento ao Libro’ os gañadores foron Adrián Barrientos, do Manuela Rial (1º e 2º de Primaria); Uxío Otero, do CEIP Vila de Cee (3º e 4º de Primaria); e Marcos Vieitez, do Vila de Cee (5º e 6º de Primaria), ademais de varios accésists. No concurso do marcapáxinas, o gañador foi Brais Sambad, do colexio Vilarmide de Muxía.










