"Historia de Galicia" do fisterrán Ramón Marcote será presentada en Pontevedra
O acto será o sábado 27 de xuño e contribuirá a poñer en valor un dos grandes autores da localidade

O vindeiro sábado 27 de xuño (12.00 horas) presentarase no Museo de Pontevedra a edición facsimilar conmemorativa do centenario da 'Historia de Galicia', do intelectual fisterrán Ramón Marcote. No acto intervirán o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa Silva, o alcalde de Fisterra, Luís Ínsua, o presidente da asociación APTCM, Pepe Formoso, o presidente da Asociación Colón Galego, Eduardo Esteban Meruéndano e o director da Biblioteca da fisterranía, Modesto Fraga.
Coa reedición desta obra de Ramón Marcote a Biblioteca da fisterranía continúa co seu empeño de recuperar e poñer en valor a obra dos grandes autores da localidade e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o seu legado cultural alén das nosas fronteiras.
A "Historia de Galicia (Compendio)" de Ramón Marcote, publicada na Habana en 1925, é unha obra única e singular no seu xénero ao se tratar da primeira 'Historia de Galicia' editada na emigración e destinada á xuventude galega das primeiras décadas do século XX. O presente volume foi coeditado polo concello de Fisterra e a Biblioteca da fisterranía co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.










