O Feirón de Senande, en Muxía, recobrará a vida o luns 6 de xullo
Haberá artesanía, música e gastronomía para recuperar esta feira tradicional na comarca

A aldea de Senande, no municipio de Muxía, celebrará o seu trdicional Feirón o vindeiro luns 6 de xullo. Dende ás 11:00 horas haberá postos de artesanía, comida, produtos ecolóxicos e agrícolas. A esa hora tamén se levarán a cabo dous obradoiros gratuitos, un de percusión e outro de palla trenzada para as persoas interesadas. O de palla trenzada xa esgotou as entradas. A partir das 13:00 horas está previsto exhibición de danza tradicional de Vilatoste, para seguir con sesión vermú a cargo de Xaramiños do Corpiño.
Ás 16:30 horas darán comezo os concertos. Estará en Senande a música tradicional de Os Melidaos, grupo do que forma parte o muxián Felipe Sar Pose, moi comprometido coa difusión da cultura en Muxía, e máis a banda Tona, liderada por Miguel Cernada, antigo membro da mítica Terbutalina, que fundou este proxecto que mestura a música tradicional galega con estilos como o rock, pop e blues, dando como resultado unha música animada, divertida e moi bailable.
O Feirón de Senande forma parte da programación de Muxía Itinerante, un programa de actividades pensadas para levar á cultura a distintas localizacións do Concello de Muxía, descentralizando así a oferta cultural para chegar a máis lugares da comarca.
A aldea de Senande celebraba unha feria moi popular en toda a comarca cada primeiro luns de mes, onde se reunían persoas de toda a zona. O mercado de gando era uno dos puntos fortes desta feria, que agora desapareceu. Con esta iniciativa, o Concello de Muxía e Horta Creativa pretenden recuperar a memoria dunha das feiras máis importantes en toda a contorna, polo que a aldea de Senande, recobra a vida o vindeiro 6 de xullo.










