Galiza Nova reivindica mellores infraestruturas e transporte público na Costa da Morte
A agrupación nacionalista realizou un acto público en Corcubión dentro da Semana da Patria Galega

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, levou a cabo este domingo 19 de xullo en Corcubión un acto público, enmarcado na celebración de diversos eventos da VIII Semana da Patria Galega, organizada pola formación que aglutina á mocidade do Bloque.
No acto, desenvolvido na Praza Castelao, falouse das principais problemáticas que afronta a mocidade. Artai Gabiás, secretario xeral de Galiza Nova; Alba Regueiro, da Permanente da formación xuvenil; e Óscar Ínsua, deputado do BNG no Parlamento galego, tomaron a palabra e abordaron cuestións de suma importancia para a mocidade: problemas de acceso á vivenda; a falta de traballo digno que obriga a emigrar; a precariedade laboral; un transporte público con rutas, frecuencias e horarios inapropiados; ou a carencia de infraestruturas axeitadas, que merma o desenvolvemento da Costa da Morte.
Tamén se falou da situación internacional "con guerras imperialistas patrocinadas polos Estados Unidos, e o xenocidio que sofre Palestina das mans do sionismo israelí".
Ademais, fíxose un chamamento a participar nos actos do 25 de xullo en Santiago de Compostela, en especial na manifestación das 12.00 horas.











