Ramón Vilela Martínez, pregoeiro das Rutas do Mar de Muxía
Este mariñeiro xubilado dará o pistoletazo de sáida á festa o sábado 8, que culminará o 9 co concerto de Luar na Lubre

Ramón Vilela Martínez, veciño de Muxía, será o encargado de pronunciar o pregón inaugural da XVIII edición das Rutas do Mar desta localidade, un dos eventos máis destacados do verán no municipio, que dará comezo o vindeiro sábado 8 de agosto ás 12:00 horas no Cabo da Vila.
Nado en Muxía no ano 1961, Ramón Vilela Martínez representa como poucas persoas a esencia mariñeira da vila. Procedente dunha familia vinculada ao mar, dedicou toda a súa vida á pesca. Comezou traballando nos barcos do seu pai e do seu socio, Os Ramóns e O Pirata, e desde o ano 1997 exerceu como percebeiro, profesión que desempeñou ata a súa xubilación no ano 2020.
Home de carácter, directo e auténtico, Ramón é desas persoas que nunca agochan o que pensan e que sempre levaron por bandeira a honestidade e o orgullo de ser de Muxía. Presume de tres cousas por enriba de todo: da súa familia, especialmente das súas fillas Rosalía e Irea; de ser amigo dos seus amigos; e de ter nacido en Muxía.
Aínda que xa está retirado, o mar continúa ocupando un lugar central na súa vida. Cada mañá comeza o día contemplando a Ría de Muxía e remátao coa mesma paisaxe diante dos ollos, unha imaxe que resume toda unha vida ligada ao mar.
A concelleira de Cultura, Sandra Vilela, destacou que "Ramón é o pregoeiro perfecto porque representa exactamente a identidade de Muxía. É un mariñeiro de toda a vida, un home que coñece o mar como poucos, bo mariñeiro, bo veciño e bo compañeiro. A súa traxectoria é tamén a historia de moitas familias muxiás que viviron sempre mirando ao mar".
O pregón marcará o inicio da festa, que este ano tamén incorporará o rodaballo ás degustacións gastronómicas, grazas á colaboración con Stolt Sea Farm, que agradecen dende o Concello. O domingo 9 poderase degustar de maneira gratuita peixe espada e rodaballo, no marco feria mariñeira.
Pola súa banda, o alcalde, Javier Sar, convidou a toda a cidadanía a participar nas Rutas do Mar. "Queremos que Muxía volva ser durante esta fin de semana un punto de encontro para miles de persoas. As Rutas do Mar son unha celebración da nosa identidade, da nosa cultura e da nosa gastronomía. Agardamos que veciños e visitantes desfruten dunha programación pensada para todos e descubran todo o que Muxía ten para ofrecer".
Como broche final da festa, o domingo terá lugar o concerto de Luar na Lubre.











