As rúas de Cee énchense de poesía durante toda a semana
Autores integrantes do extinto Batallón Literario participan no ciclo de recitais ata o sábado

As rúas de Cee énchense de poesía durante toda a semana. Este luns 3 de agosto comeza o ciclo de recitais poéticos Poesía na Rúa, organizado polo Concello no marco da programación dos actos de celebración do trinta aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte.
Os recitais levaranse a cabo en diferentes emprazamentos con varios autores do extinto Batallón Literario da Costa da Morte. Serán a partir das 20.30 horas, excepto a sesión de clausura o sábado, que será ás 13.00 horas.
O luns 3 a primeira parada será na Fundación Fernando Blanco, cos autores Modesto Fraga, María Canosa e Ainhoa Conde.
Continuará o martes 4 no Monumento de defensores das Libertades con Marilar Aleixandre, Rafa Vilar e Rosalía Fernández Rial; o mércores 5 na Praza Ketty Quintana con María Lado, David Creus e Xaime Trillo; o xoves 6 na Praza Concha Blanco con Miro Villar, Concha Blanco e Alexandre Nerium; o venres 7 na Praciña do Olvido, con Xosé Iglesias, Suso Bahamonde e Roberto Traba Velay.
O sábado 8 rematará na Praza da Constitución con Mónica Góñez, Moncho Bouzas e Rocío Leira, ás 13.00 horas.











