Intercambio Cultural de Danza Galicia-Gran Canaria, este sábado en Cee
As funcións do xoves e venres do programa Cultura no Camiño suspendéronse polos días de loito decretados polo Concello

As funcións do programa Cultura no Camiño previstas para este xoves e venres no Concello de Cee foron suspendidas ao decretar o Concello tres días de loito pola morte do policía local Manel García Leal. Mantense o II Intercambio Cultural de Danza Galicia-Gran Canaria este sábado 29 ás 20.00 horas no auditorio Baldomero Cores.
Organizado pola asociación cultural Novo Viana, contarán tamén coa participación do grupo A. F. Abenechara de Valleseco (Gran Canario). Formada por uns 35 compoñentes, incluíndo aos músicos, esta agrupación fundada en 1992, ten como obxectivo principal preservar, fomentar e divulgar o rico folclore e as costumes das Illas Canarias.
O Verán Cultural do Concello de Cee retomará as súas últimas actividades o domingo 30 de agosto ás 22.00 horas na Praza da Constitución cun espectáculo de lume. Especialistas Hípica Celta presentará "Mystic Fire". Emocionantes números de danza con elementos de teatro directo co público facendo que todos nos sintamos parte da acción.
Malabarismos e manipulación do lume nun espectáculo que non deixara indiferente a ninguén. Finalmente, o luns 31, ás 20.00 horas, a Praza da Costitución acollerá un espectáculo de acrobacia con pórtico e estructura a cargo da compañía Dende Arriba. Unha orixinal proposta de teas aéresas con música que envolve ao espectador e o transporta a un universo único, exótico e transcendental.











