O ilustre muxián Antón Castro, pregoeiro da Barca de Muxía
O pregón será o venres 11 de setembro ás 20.00 horas no Cabo da Vila, marcando o inicio das festas

O Concello de Muxía acaba de anunciar a elección de Xosé Antón Castro Fernández como pregoeiro da Romaría da Barca 2026, nunha decisión coa que o Goberno municipal quere recoñecer a traxectoria dunha das figuras máis destacadas da cultura galega e, ao mesmo tempo, a súa fonda vinculación coa súa vila natal.
Nado en Muxía, Antón Castro desenvolveu unha longa carreira como historiador da arte, profesor, crítico e comisario de exposicións, con importantes responsabilidades en institucións culturais e académicas. Ao longo da súa traxectoria levou o nome de Muxía a numerosos ámbitos da cultura, sen perder nunca a conexión coa súa terra.
A súa relación coa Barca é, ademais, especialmente significativa. En 1980 realizou a súa tese de licenciatura, El santuario de la Virgen de la Barca: tradición, arte y leyenda, dedicada precisamente ao santuario muxián. Posteriormente continuou investigando e divulgando a relación de Muxía coa tradición xacobea, o santuario e as pedras da Barca, entre outros elementos do patrimonio e da identidade da vila
O alcalde de Muxía, Javier Sar, destacou o significado da elección do pregoeiro louvando a súa traxectoria. “Antón Castro é un deses muxiáns dos que podemos sentirnos profundamente orgullosos. Desenvolveu unha carreira extraordinaria e levou o nome de Muxía por universidades, institucións culturais e diferentes lugares do mundo, pero sempre mantivo unha relación moi especial coa súa vila. Que sexa el quen este ano pronuncie o pregón da Barca é unha honra para todo Muxía”, subliñou.
O rexedor tamén salientou a súa especial vinculación co santuario da Barca. “Non é simplemente un muxián que vive fóra. É unha persoa que estudou a Barca, que investigou a súa historia e que contribuíu a explicar o seu valor cultural e patrimonial. Creo que non podía haber unha elección máis axeitada para unha festa que representa tanto a identidade de Muxía”, sinalou.
A tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Festas, Sandra Vilela, explicou que a elección responde á vontade de contar cun pregoeiro cunha vinculación real coa vila. “Desde o primeiro momento tivemos claro que queriamos que o pregoeiro da Barca 2026 fose alguén que representase Muxía. Non buscabamos simplemente unha persoa coñecida, senón un muxián que sentise esta terra e que tivese algo propio que contar sobre ela. E no caso de Antón Castro esa conexión é extraordinaria”, destacou.
"A Barca é tradición, fe, patrimonio, cultura e memoria. E queremos que o pregón sexa tamén un momento para lembrar todo iso. Estamos convencidos de que Antón Castro vai ofrecernos un pregón moi especial, precisamente porque vai falar da Barca desde o coñecemento, pero tamén desde o sentimento de ser muxián", engadiu Sandra Vilela.
O pregón será o venres 11 de setembro no Cabo da Vila, ás 20.00 horas, marcando así o inicio do programa festivo, que se prolongará ata o luns 14.











