O Concello de Cee reclama á Xunta que se cumpra a parada de bus de Ameixenda
Os veciños entregaron un escrito no consistorio con máis de 400 sinaturas para esixir este servizo

O Concello de Cee acaba de remitir un escrito á dirección xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia para que a empresa concesionaria do servicio de autobús cumpra coas súas obrigas e realice a parada no núcleo de Ameixenda, na AC-197, tal como se recolle na documentación. O Concello atende así a petición formulada pola asociación Fumes do Cal, que presentou máis de 400 sinaturas no Concello para esixir que se preste o servicio correctamente e con todas as garantías de seguridade.
Ademais, lembran que non é unha petición nova e que esa parada está recoñecida pola administración autonómica dende hai anos. Pero, na actualidade, segundo se expón no escrito remitido pola Alcaldía, as paradas continúan realizándose na AC-550, á altura do cruce de acceso á parroquia, nun punto afastado do núcleo e sen as condicións específicas dunha parada habilitada, o que obriga ás persoas usuarias a desprazarse e, especialmente no caso de persoas maiores ou menores, pode xerar situacións de inseguridade.
A alcaldesa de Cee, Margot Lamela Louzán, sinala que o Concello “está facendo o que lle corresponde: escoitar á veciñanza, defender os seus intereses e pedir á Administración competente que cumpra aquilo que está establecido”.
“Non estamos pedindo nada extraordinario. Estamos pedindo algo tan básico como que o autobús pare onde ten que parar e que as persoas de Ameixenda poidan utilizar o transporte público con seguridade e sen ter que desprazarse ata un punto que non reúne as mesmas condicións”, afirma.
Para a rexedora, as 425 sinaturas achegadas pola veciñanza demostran que “non estamos ante unha reclamación puntual, senón ante unha demanda compartida por moitas persoas que viven, traballan, estudan ou teñen relación con Ameixenda”.
Desde o Concello destacan que se fará seguimento do expediente e que se manterá informada á asociación Fumes do Cal das actuacións que leve a cabo a Administración autonómica.
“Ameixenda merece un transporte público accesible, seguro e próximo. E desde o Concello imos seguir insistindo ata conseguir unha resposta”, subliña a alcaldesa.
Os veciños tamén colocaron unha pancarta reivindicativa no lugar para que se cumpra con este servizo.












