A Laracha promove un curso para coñecer a lingua e a cultura galegas
Terá unha duración de 20 hora e está pensado para persoas que non coñecen o idioma

O Concello, en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco da Rede de Dinamización Lingüística, acollerá do 19 ao 30 de outubro un curso de introdución á lingua e á cultura galegas dirixido a persoas maiores de 16 anos de idade.
A formación desenvolverase en modalidade presencial no edificio administrativo da Laracha en horario de 17:00 a 20:00 horas. As persoas interesadas deben inscribirse presencialmente na Casa da Cultura a partir deste xoves 1 de outubro, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
O curso terá unha duración total de 20 horas e está especialmente pensado para persoas que non teñen coñecementos previos de galego ou que desexan adquirir nocións básicas para desenvolverse en situacións habituais da vida cotiá.
Ao longo das cinco unidades formativas abordaranse cuestións básicas da lingua galega como a fonética, o vocabulario, as distintas clases de palabras ou as regras elementais de ortografía e acentuación. Tamén se traballarán expresións e frases de uso habitual, a comprensión oral e escrita e a interacción en situacións sinxelas de comunicación.
A formación combinará estes contidos lingüísticos con outros relacionados coa cultura e a historia de Galicia, incluíndo aspectos como as festas, tradicións, gastronomía, música e recursos prácticos para facilitar o uso do galego no día a día.












