José Manuel López | “A Laracha xa ocupa unha posición importante no mapa industrial do noroeste galego”
Horizonte Maio 2027 | O alcalde da Laracha desde 1999 repasa o presente e mira cara ao futuro dun municipio que non deixou de medrar nas últimas décadas
José Manuel López Varela (A Laracha, 1961) leva 27 anos á fronte do Concello larachés e non pensa aínda en poñer punto final á súa etapa política. A pouco máis de medio ano das eleccións municipais de 2027, asegura sentirse “con máis ganas e forza que nunca” e confirma a súa disposición a volver encabezar a candidatura do Partido Popular.
Que balance fai destes últimos tres anos?
O balance que fago é moi positivo. Seguimos avanzando en todas as áreas e incorporando novas medidas e iniciativas para responder ás necesidades da veciñanza. Nestes tres anos ampliamos servizos, executamos e puxemos en marcha novas infraestruturas, reforzamos as políticas sociais e educativas e impulsamos actuacións para mellorar a formación, o emprego e o desenvolvemento económico. Creo que o máis importante é que A Laracha continúa progresando e mellorando a súa capacidade para ofrecer máis oportunidades e unha mellor calidade de vida á cidadanía.
Que destacaría como o principal logro deste mandato? E que lle quedou pendente?
Son moitos os avances e, se tivese que destacar un, probablemente sería a chegada da formación profesional á Laracha, porque era unha demanda pola que levabamos tempo traballando e que abre novas oportunidades para os nosos mozos e para o tecido económico do municipio. Pero tamén destacaría o reforzo dos servizos sociais, o desenvolvemento urbanístico, a protección e posta en valor do patrimonio e a mellora e modernización de numerosas infraestruturas municipais. E máis que falar de asuntos pendentes, prefiro falar de proxectos que están en tramitación e que, polas súas características, precisan de prazos máis longos. É o caso da ampliación do parque empresarial, que é un proxecto estratéxico para o Concello no que estamos traballando, pero sabendo que as obras non se iniciarán antes das próximas eleccións municipais.
Estamos utilizando todas as vías administrativas e institucionais ao noso alcance para que a planta de biogás non saia adiante
Que segue atopando na política municipal para querer continuar despois de tantos anos?
Sempre hai novos retos, necesidades ás que dar resposta e proxectos que poñer en marcha. Un concello está en permanente evolución e cada etapa presenta novos obxectivos a curto, medio e longo prazo. O que me segue motivando é comprobar que o traballo que facemos desde o Concello se traduce en mellores servizos, novas oportunidades e unha maior calidade de vida para a veciñanza. Esa é a principal razón pola que sigo traballando cada día con ilusión.
Cal foi a transformación máis importante do concello nestes anos e que precisa agora para dar o seguinte salto?
A transformación da Laracha foi moi importante en todos os ámbitos. O incremento da poboación e a consolidación do municipio como un lugar para vivir, traballar e desenvolver actividade económica son unha boa mostra dese progreso. A industrialización, coa alta ocupación do parque empresarial, é un dos cambios máis visibles, pero tamén hai que destacar a evolución dos servizos públicos e das infraestruturas municipais. Agora debemos seguir avanzando nesa mesma liña, consolidando o crecemento económico, mellorando os servizos e creando novas oportunidades para que A Laracha continúe sendo un municipio atractivo para vivir e investir.
Unha das grandes apostas do presente o do futuro é o crecemento industrial. Que lugar debe ocupar A Laracha nese eixe industrial que conforma con Carballo e Arteixo?
A Laracha xa ocupa unha posición importante no mapa industrial do noroeste de Galicia. O parque empresarial conta cunha situación estratéxica, boas conexións por estrada, servizos e unhas características que o converten nun espazo atractivo para diferentes tipos de actividade económica. Formar parte dun eixo industrial xunto a municipios como Arteixo e Carballo tamén nos ofrece a oportunidade de aproveitar sinerxías e colaborar para atraer novos investimentos e mellorar as infraestruturas. Non se trata de competir entre nós, senón de aproveitar as fortalezas de cada municipio e contribuír conxuntamente ao desenvolvemento económico da comarca.
A Laracha continúa mellorando a súa capacidade para ofrecer máis oportunidades e unha mellor calidade de vida á cidadanía
Se chegan novas empresas e novos traballadores, aparece outra necesidade: a vivenda. Está o concello preparado para que quen traballe aquí tamén poida quedar a vivir?
A Laracha ten capacidade para seguir medrando tamén neste ámbito. Hai solo dispoñible tanto nos núcleos urbanos, para desenvolver novas promocións de edificios residenciais, como no ámbito rural, onde existe capacidade para a construción de vivendas unifamiliares.
A planta de biogás xerou unha das maiores mobilizacións veciñais dos últimos anos. Cre que o proxecto será descartado ou segue existindo a posibilidade de que termine instalándose?
Nós non queremos que ese proxecto saia adiante e así o manifestamos desde o primeiro momento. Dentro das competencias que temos, e sempre dentro da legalidade, estamos utilizando todas as vías administrativas e institucionais ao noso alcance para defender esa posición. Agora acabamos de coñecer a nova estratexia da Xunta de Galicia para a planificación das plantas de biogás, e estamos moi satisfeitos porque incorpora todas as consideracións que desde o Goberno local trasladamos á Consellería de Medio Ambiente. O marco normativo será máis ordenado e coherente cos novos criterios de sustentabilidade, integración territorial e adecuación das instalacións ás necesidades reais do sector e das comunidades locais.
Eu agardo que o proxecto sexa descartado, e máis tras esta novidade, pero a decisión final corresponde aos órganos técnicos competentes da Administración autonómica, e non podo predicir cal vai ser o resultado dunha tramitación que aínda está en curso.
Fíxolle o conflito do biogás reformularse que tipo de industria quere no concello?
A Laracha quere e necesita actividade económica e emprego, pero sempre dentro do cumprimento da normativa e sendo compatibles co respecto do territorio, o medio ambiente e o benestar da veciñanza. O Concello non elixe que proxectos se presentan, senón que tramita as solicitudes que recibe de acordo ás súas competencias e coa normativa aplicable. Neste caso concreto, desde o momento en que coñecemos o proxecto manifestamos a nosa posición contraria e actuamos utilizando as vías que temos ao noso alcance. Creo que é perfectamente compatible defender o desenvolvemento económico do municipio e, ao mesmo tempo, ser esixentes á hora de preservar o territorio e a calidade de vida dos nosos veciños. Esa é a posición que mantivemos e que imos seguir mantendo.
A Laracha ten tres núcleos urbanos con realidades distintas e ademais un rural moi extenso. Considera que se conseguiu equilibrar os investimentos e os servizos?
O noso obxectivo é que todos os cidadáns teñan as mesmas oportunidades e acceso aos servizos con independencia do lugar do municipio no que residan. Evidentemente, as principais infraestruturas concéntranse nos núcleos urbanos, pero tamén facemos un importante esforzo para atender as necesidades dos máis de 300 núcleos rurais da Laracha. Temos case 126 quilómetros cadrados de superficie e unha rede viaria que supera os 600 quilómetros, polo que manter e mellorar as estradas, ampliar o saneamento e o abastecemento ou avanzar na recollida separada de residuos supón un importante esforzo inversor. É un traballo continuo que facemos de acordo coas necesidades e coas posibilidades económicas do Concello.
Que espera das vindeiras eleccións municipais?
Que a cidadanía valore o traballo realizado durante estes anos e, cando chegue o momento, decida libremente o futuro do Concello. Nós seguiremos traballando con responsabilidade, honestidade e novas ideas para continuar mellorando A Laracha.











