Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Hai que ver o ben que se lle dá ao sistema facer de maquillador profesional. Onde antes había mocidade indignada, agora hai “xuventude desanimada e sen impulso colectivo”. Onde había precariedade, agora hai “malestar xeracional”, coma se fose unha leve incomodidade pasaxeira. E onde había fame de futuro, agora hai “inquietude vital”, que soa máis a título de novela que a diagnóstico social. Todo embalado con papel de celofán semántico, vendendo produto defectuoso como “versión mellorada con funcionalidades limitadas e experiencia de usuario suxeita a revisión”.

A estratexia, coa súa técnica, é vella, pero agora vén con manual de estilo corporativo. A protesta xuvenil xa non se trata como clamor social, senón como fenómeno de consumo. Non se analiza o conflito, senón a estética da súa difusión. Se se fai viral, é relevante; se non, é ruído. E así, a rabia que nace da desigualdade convértese nunha tendencia que se pode arquivar entre os temas do momento, xunto coas receitas de pan de millo e os vídeos, na rede, de gatos que tocan o acordeón.

O truco está na linguaxe. Xa non se fala de explotación, senón de “experiencias laborais intensas”. A emigración forzada pasa a chamarse “mobilidade internacional”. A falta de vivenda preséntase como “reto residencial”, coma se fose unha proba de enxeño nun concurso de arquitectura. Todo soa tan técnico que semella que a solución consiste en actualizar o software da realidade. Con todo, o problema non reside na versión instalada, senón claramente no sistema operativo que a sustenta.

Esta semántica de almofada ten un obxectivo claro: desactivar o conflito. Se a mocidade está simplemente “desorientada”, non hai que escoitala, só hai que orientala. Se o que sente é “ansiedade social”, non se precisa cambiar o modelo económico, abonda con ofrecerlle técnicas de calma mental e un bono cultural. E se o que vive é “inestabilidade emocional”, pois xa medrará, xa se calmará, xa se integrará. Como quen pensa que a marea baixa por cortesía, non por ciclo natural.

Pero o que hai detrás destas etiquetas non é unha crise de identidade, senón unha crise de realidade social. A mocidade non está perdida porque non saiba onde ir, senón porque sabe perfectamente que o camiño está pechado con valado, cadeado e cartel de propiedade privada. Non é que non queiran participar: é que teñen a urna no soto e a chave no despacho do conselleiro.