Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

A filosofía grega clásica tiña unha intuición poderosa: daquilo que non existe non se pode retirar nada. A subtracción só é posíbel cando hai materia previa, cando o mundo ofrece algo que poida ser diminuído. Por iso os gregos non concibían os números negativos: restar máis do que se posúe era unha contradición lóxica, un imposible metafísico. A realidade non admite débedas ontolóxicas.

No extremo oposto, a metafísica oriental asumía a lóxica dos opostos: vermello e azul, positivo e negativo, presenza e ausencia. Se dous conxuntos se neutralizan, o que queda é o signo do que tiña máis forza. O negativo non é imposibilidade, senón un resto, unha marca, unha consecuencia. Esta visión permite comprender mellor o que ocorre hoxe en Europa: cando un sistema político retira máis do que ten, o que aparece non é un número negativo, senón unha ferida social.

A Unión Europea entrou nunha fase que poderiamos chamar austeridade armada. Tras unha década de recortes brutais en servizos públicos, pensións e dereitos sociais, a prioridade estratéxica desprazouse cara ao rearmamento. A lóxica é clara: incrementar o gasto militar, cumprir o mandato norteamericano e orientar a compra de material cara á industria estadounidense. A permisividade fiscal, presentada como excepción temporal, non se aplica ao benestar, senón á Defensa. O que antes era imposible, relaxar as regras fiscais, convértese agora en norma cando se trata de armas.

O resultado é unha ecuación tan sinxela como devastadora: o que se suma en Defensa resta en benestar. Francia aumenta miles de millóns en gasto militar mentres conxela pensións e salarios públicos. Alemaña eleva o seu orzamento de Defensa a cifras históricas ao tempo que recorta en sanidade. A narrativa que xustifica esta dinámica é coñecida: ameazas difusas, perigos inminentes, discursos de medo que preparan o terreo para decisións estratéxicas xa tomadas.

Non existe unha ameaza real ao nivel de gasto que se impulsa. O que existe é unha construción política do perigo, unha atmosfera de tensión que facilita a aceptación social do rearmamento. A industria militar estadounidense é a principal beneficiaria desta deriva. A cidadanía europea, pola contra, paga a factura en forma de recortes, desigualdade e deterioración dos servizos públicos.

A austeridade armada non é inevitable nin natural. É unha decisión política que transforma a Europa nun espazo máis armado e menos igualitario. A única defensa real fronte a esta deriva é a conciencia cidadá: elixir gobernos que protexan o benestar, preservar a paz como valor central, impedir que o medo substitúa a razón. O futuro europeo depende da capacidade colectiva para recoñecer que, cando se resta do que non sobra, o resultado non é seguridade, senón perda.