Arquitecturas do desvarío
A comunicación pública converteuse nun espazo no que a prudencia xa non ten sitio. O que antes esixía matiz, estudo e certa compostura institucional preséntase agora como proclama, declaración maximalista ou manifesto inflamado. A lóxica do poder contemporáneo —mestura de tecnoloxía, espectáculo e ansiedade colectiva— empurra cara a un mundo onde o recato se interpreta como debilidade e o sentido común como un luxo inútil. Neste clima, as ideas máis estrafalarias atopan eco e as máis perigosas reciben aplauso. A irracionalidade deixou de ser unha excepción para converterse nun método de intervención pública. Modesta na Galiza, desmedida alén mar.
Neste contexto emerxe a empresa tecnolóxica Palantir que, ademais de vender software, vende unha visión do mundo. O seu programa estrela, Gotham, unha plataforma de integración e análise de datos empregada en defensa e seguridade, preséntase como ferramenta imprescindible para gobernar a complexidade contemporánea. A súa arquitectura tecnolóxica promete orde, precisión e capacidade de decisión nun planeta saturado de información. Mais, ao seu carón, circula un manifesto que non fala de algoritmos nin de compatibilidade operativa, senón dunha suposta misión civilizadora chamada a guiar o futuro de Occidente. Un texto que, baixo a aparencia de reflexión estratéxica, formula unha doutrina de poder duro, disciplina social e supremacía tecnolóxica.
A comparación entre o produto e o ideario é de inquietude. Dun lado, preséntase como ferramenta neutral, orientada á eficiencia e á seguridade. Pola outra, o manifesto asociado propón unha visión do mundo na que a tecnoloxía deixa de ser instrumento para se converter en fundamento moral e político. A mensaxe é nítida: quen controla o software controla tamén o destino. E quen controla o destino arroga para si o dereito de redefinir as regras do xogo democrático, cultural e militar.
A crítica non reside só no contido, xa de seu alarmante, senón en que unha empresa privada, con influencia real sobre gobernos e milicias, permítase formular unha doutrina global sen contrapesos públicos nin debate democrático. A idea de que a gobernanza planetaria deba guiarse por principios de sectarismo tecnolóxico, xerarquías culturais e unha fe case mística no poder da IA abre un camiño que pode non ter retorno. A tecnoloxía convértese así nunha coartada para concentrar autoridade, acelerar militarización e reducir a diversidade política a un estorbo prescindible.
Non estamos ante mera retórica corporativa. A historia recente demostra que as palabras, cando se pronuncian desde posicións de poder, tenden a converterse en políticas. E cando unha infraestrutura tecnolóxica tan penetrante se acompaña dun ideario expansivo e autosuficiente, o risco deixa de ser remoto. O perigo está en que esta visión acabe naturalizada e asumida como horizonte inevitable, mentres a cidadanía perde capacidade de escrutinio, resistencia e resposta.
Por iso cómpre manter unha alerta temperá e sostida. Non para caer no alarmismo, senón para lembrar que a gobernanza do mundo non pode delegarse en arquitecturas de datos nin en manifestos de laboratorio redactados con pretensión de destino. A democracia, mesmo nas súas imperfeccións, require vixilancia activa fronte a quen pretende decidir o futuro en nome dunha racionalidade que, vista de preto, non é máis ca outra forma de desvarío organizado.
