O algoritmo eclipsa voces
A tecnoloxía sempre avanzou como unha moeda en xiro constante: unha cara que promete progreso e outra que advirte dos seus custos. No pasado, cada innovación reorganizou o traballo e a vida social; hoxe, a intelixencia artificial continúa esa mesma traxectoria, multiplicando posibilidades ao tempo que abre novas fendas de risco. Cousa certa que ben sabemos quen habitamos na Galiza.
Velaí, as xornadas celebradas no Parlamento Europeo en días pasados, dirixidas a medios de comunicación, volveron situar esta tensión no centro do debate público. A cuestión xa non é se a IA debe empregarse no xornalismo, senón como integrala sen que erosione aquilo que fai valiosa a información: o criterio profesional, a verificación e a pluralidade e diversidade de voces.
A cara luminosa da moeda é evidente. A automatización permite liberar tempo para tarefas de máis grande valor, axilizar procesos e mellorar a capacidade de análise. Negar estas vantaxes sería un erro. Mais a tecnoloxía non chega nunca soa: trae consigo unha reorganización silenciosa das redaccións, dos fluxos de traballo e das relacións de poder.
E aquí aparece o envés. A IA pode empurrar os medios a unha roda de rato, unha dinámica de produción acelerada que privilexia o volume fronte á calidade. Canto máis rápido se xera contido, máis difícil resulta manter a profundidade, o contexto e a pluralidade. Esta presión non afecta por igual: os medios pequenos, con menos recursos, vense obrigados a competir nun terreo dominado por quen controla as infraestruturas e os modelos tecnolóxicos.
O risco non é só produtivo, senón estrutural. A dependencia das grandes plataformas e dos propietarios das tecnoloxías crea unha asimetría que condiciona a capacidade dos medios para negociar, innovar ou mesmo sobrevivir. Cando poucas mans controlan os algoritmos, a pluralidade informativa convértese nun ben fráxil. A sociedade precisa garantías de que estes sistemas non funcionarán como filtros opacos que deciden que voces se amplifican e cales desaparecen.
A resposta institucional colle forma. A Unión Europea avanzou en regulacións que buscan un espazo dixital máis seguro, con mecanismos de transparencia, revisión de contidos e avaliación de riscos. Mais estas normas aínda non chegan ao corazón do problema: a concentración de poder tecnolóxico e a dependencia estrutural que condiciona a liberdade informativa. A velocidade da innovación supera a capacidade de regulación, e iso obriga a unha acción máis decidida.
A cidadanía ten un papel esencial. Sen esixencia social, a regulación corre o risco de quedar en declaracións de intención. É necesario reclamar transparencia, límites claros e mecanismos de control que garantan que a tecnoloxía serve ao interese público e non ao revés. As institucións deben actuar con maior axilidade, e os gobernos, exercer unha supervisión efectiva sobre quen opera as infraestruturas que sosteñen o ecosistema informativo.
A moeda segue xirando, mais o seu destino non está escrito. A pluralidade, a liberdade e a diversidade só resistirán se a cidadanía, os medios e as institucións impiden que o algoritmo decida por nós que voces merecen ser escoitadas. Porque, cando unha sociedade acepta que as súas voces sexan eclipsadas, tamén acepta que a súa participación democrática comece a apagarse.
