Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

In memoriam: Antón Pulido, o home que fixo da vida arte e da amizade país

Bóveda de Amoeiro, Ourense, 25 de setembro de 1944 - Vigo, 11 de setembro de 2026

A vida que merece ser vivida xustifícase no outro, e Antón Pulido fixo diso un axioma vital que hoxe permanece intocable na memoria colectiva de cantos tivemos o pracer de coñecelo, de gozar do seu trato exquisito e da súa inesgotable altura intelectual. Antón foi, é e será sempre un referente imprescindible, un verdadeiro home do Renacemento nado perto da Atenas ourensana e vencellado para sempre ao Vigo atlántico, oceánico, a toda Galicia cosmopolita, ao mundo de Otero Pedrayo e á estela luminosa de Laxeiro. Desde a súa Bóveda de Amoeiro ata os escenarios internacionais onde levou a súa obra, este creador excepcional soubo debuxar paisaxes de vangarda mentres construía unha rede indestructible de afectos, sobremesas eternas e ledicias compartidas.

A súa traxectoria abrangue medio século de pintura, desde os primeiros tempos figurativos que retrataban a cotianeidade dos camiños e da Serra da Martiñá ata a abstracción máis depurada, esa síntese cromática onde o vermello e o azul falan de soidades e de celebracións festivas, das kermesses que son tamén a ledicia de vivir, levando os seus óleos e debuxos desde os obradoiros galegos ata galerías de Taiwán, Corea do Sur, China ou Italia, sempre fiel ao principio de que a creación artística nace da alegría de vivir e do gozo íntimo, nunca do sufrimento ou da tiranía do mercado. Como ben recordaba acudindo ao consello de Álvaro Siza, todo o que non añade, sobra, e Antón soubo eliminar o superfluo para quedar co esencial: a emoción pura, a cor medida, a pincelada ancha e firme que convida a unha revolución estética e moral.

O seu paso pola xestión cultural como primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea ou como director xeral de Cultura deixou unha pegada fonda, aberta sempre á modernidade sen renuncia ningunha ás raíces. A monumental obra da enciclopedia de Artistas Galegos, impulsada xunto ao editor Carlos del Pulgar, constitúe o meirande museo en soporte papel que testemuña a riqueza dunha terra que pariu creadores extraordinarios. Antón tratou a todos con aquel inxenio perspicaz, co seu tono afinado e a súa bonhomía de cardenal laico, conversador infatigable nas tabernas e nos pazos, desde o Bar Rouco ata Casa Álvaro.

A súa inesgotable xenerosidade con Vigo e a súa vocación irrenunciable de transformar a paisaxe urbana nun lenzo vivo atoparon un dos seus cumes máis emocionantes na emblemática esquina de Peliche, invitado por Abel Caballero. Alí, o mestre soupo desafiar o feísmo das rúas convertendo un espazo gris e inerte na vibrante Praza dos Abrazos, unha monumental intervención de douscentos oitenta metros cadrados de puro cor, trazos pulidistas e talento creativo que regala calor humano a quen a camiña. Aquela praza é hoxe o testemuño gráfico do seu anhelo por fundir a arte coa vida cotiá, un monumento permanente ao afecto que sintetiza a súa mirada luminosa sobre a convivencia e a beleza.

Nalgunha taberna acolledora, como a de Elixio, rodeado de creadores e amigos, Antón despregaba unha memoria prodixiosa e unha ironía finísima, capaz de gozar coas ocurrencias máis disparatadas, de narrar sucedidos memorables ou de dialogar coa mesma profundidade cun intelectual que cun simple cidadán de a pé. Coma un auténtico petrucio de aldea vencellado para sempre á cidade, o pintor soubo facer da conversa un arte maior e da amizade un verdadeiro país.

Quédanos agora o oco insubstituíble dunha ausencia que doe, mais tamén a certeza imborrable de que a súa luz segue habitando entre nós, con Fina e os seus fillos. A súa obra e o seu recordo érguense coma unha cumbre eterna, iluminando as nosas sobremesas e lembrándonos que os seres xenerosos nunca marchan do todo, pois xa forman parte do latido esencial e fermoso de toda Galicia.